Supresión das áreas sanitarias: Dille non aos plans do PP!

A CIG anima a cidadanía a esixir a retirada do anteproxecto a través do Portal da Transparencia
Nacional - 10 Ago 2017

A Xunta vén de presentar un anteproxecto de modificación da Lei de Saúde que suprime as áreas do Barco, A Mariña, Monforte e O Salnés, afastando así os servizos sanitarios das persoas. Até o1 de setembro, o documento está aberto a suxestións no Portal da Transparencia. Dende a CIG convidámoste a que lle fagas chegar ao PP o teu rexeitamento a este recorte, esixindo a retirada do anteproxecto e o mantemento das áreas sanitarias.

No ano 2009, coa chegada de Feijóo á Xunta de Galiza, o PP iniciou as tarefas de desmantelamento da sanidade pública. Entre as cuestións incluídas nesa folla de ruta atopábase a de eliminar as áreas sanitarias pequenas e fusionalas con outras para crear “macro-áreas” e poñer á fronte a un/ha super-xerente, centralizando así servizos e afastando a sanidade das zonas máis periféricas.

Naquel momento, a CIG, impulsando con outras organizacións plataformas pola defensa da sanidade pública, deu resposta a este ataque mediante mobilizacións que, nalgunha área, foron históricas. Naceu por aquel entón SOS-Sanidade Pública, para coordinar as mobilizacións das diferentes plataformas e para trasladar a necesidade de mobilización á poboación afectada.

Grazas a esta resposta, o mapa sanitario mantívose tal e como fora creado, aínda que se implantaron as áreas de xestión integrada que, tal e como prevíamos, supuxeron unha merma na calidade da atención sanitaria que se presta en zonas pequenas e afastadas dos centros de decisión, como Valdeorras ou A Mariña.

Hoxe, ano 2017, para rematar esa folla de ruta, o PP presenta o anteproxecto que modifica a Lei de Saúde de Galiza, eliminando de vez as áreas sanitarias de Burela, Monforte, O Barco e O Salnés, e consumando así o crime iniciado entón.

Non podemos consentilo. A receita de Feijoo para atender o avellentamento da poboación e a dispersión xeográfica non pode pasar por afastar os servizos sanitarios das persoas.  A Lei Xeral de Sanidade recolle que as áreas sanitarias se delimitarán tendo en conta factores xeográficos, socioeconómicos, demográficos, laborais, epidemiolóxicos, culturais, climatolóxicos e de dotación de vías de comunicación. Feijoo e o PP, con este anteproxecto, están a facer xustamente o contrario, só teñen en conta criterios economicistas e de negocio para elaborar o seu mapa sanitario.

O anteproxecto que pretenden aprobar en pleno mes de agosto, precisamente para intentar evitar as mobilizacións, está aberto a suxestións no Portal da Transparencia até o 1 de setembro.

Dende a CIG convidámoste a que lles fagas chegar as túas suxestións sobre esta modificación, esixindo a retirada do anteproxecto, o mantemento das actuais áreas sanitarias, e mesmo a incorporación doutras áreas necesarias (como Verín, Cee, Barbanza, etc.).

Propoñémosche este texto para remitir. Só tés que premer no enlace, cubrir os datos e pegar este pequeno texto no recadro de suxestión. Que saiban que aínda que o saquen en agosto, este anteproxecto non nos vale!

Proposta de texto para remitir no Portal da Transparencia

Este anteproxecto é un atentado á sanidade pública. Non se poden eliminar áreas sanitarias, afastando os centros de toma de decisión da poboación. Se o goberno do Partido Popular e a Consellaría de Sanidade pensan que é preciso un novo mapa sanitario, deben abrir a posibilidade de crear un grupo de traballo para debater sosegadamente este tema, baseándose na evidencia, e na procura dunha mellora  da calidade e da asistencia sanitaria, e non só crear superestruturas con super Xerentas/es.

A Consellaría de Sanidade debería utilizar este anteproxecto para vincular as xerencias coas áreas sanitarias, e crear as Áreas de Barbanza, Verín e Cee, para xestionar os centros hospitalarios de forma integrada coa súa primaria. E non para eliminar as actuais áreas sanitarias.

O desmantelamento destas áreas sanitarias é contrario aos principios recollidos na Lei Xeral de Sanidade, que recolle que se crearán as áreas de saúde tendo en conta os factores xeográficos, socioeconómicos, demográficos, laborais epidemiolóxicos, culturais, climatolóxicos e de dotación de vías e medios de comunicación.

Polos motivos expostos, pido a retirada deste anteproxecto.