Stop precariedade! Emprego digno
A CIG encara 2024 coa posta en marcha dunha campaña de denuncia e de mobilizacións ante o imparábel aumento das desigualdades e da pobreza laboral en Galiza e para reclamar un cambio radical nas políticas públicas que garanta os dereitos da clase traballadora. Nun contexto marcado pola situación de emerxencia social, e no que se celebran eleccións autonómicas o vindeiro domingo 18 de febreiro, a central sindical aposta por trasladar aos centros de traballo é á rúa a necesidade de contar cunha nova lexislación ante as cada vez máis habituais e prolongadas crises, novas formas de explotación e avance da precariedade e do desemprego.
Aínda que na CIG levamos meses preparando os contidos e o desenvolvemento da campaña, esta arrincará oficialmente o vindeiro xoves 1 de febreiro coa celebración dunha asemblea nacional de delegados/as en Santiago de Compostela, tras a que se celebrará unha manifestación polas rúas da cidade até San Caetano.
Somos conscientes de que as políticas laborais neoliberais dos gobernos de Madrid aceleran a desigualdade e a pobreza que provocan en Galiza as nefastas políticas do PP, con importantes sectores produtivos agonizando, e que reforzan a dependencia económica e política do noso país ao sistema español, impedindo un desenvolvemento galego propio que free o empobrecemento das clases populares, o imparábel avellentamento da poboación, a desertización social e industrial e a continua emigración por falta de emprego.
Políticas como non fixar o Salario Mínimo Interprofesional (SMI) nos 1253 euros para cumprir a Carta Social ou como as que a CIG leva tempo propoñendo para mellorar a protección por desemprego e facilitar o acceso a unha prestación, evitando a redución das contías e a súa duración e impedido que as empresas poidan transferir ao sector público os custos sociais da situación de empobrecemento e precariedade xeneralizada pola extensión dos baixos salarios e o abuso na contratación parcial e fixa descontinua.
Batería de propostas
Por iso dende a central sindical reclamamos unha reforma do desemprego que garanta os dereitos das persoas traballadoras en paro, para o que elaboramos unha batería de propostas encamiñadas a reforzar a súa protección que se pode consultar na nosa web.
Porque a protección dos dereitos da clase traballadora é fundamental para poder facerlles fronte con xustiza social aos efectos dos cambios no tecido produtivo e no mundo do traballo provocados polo proceso de descarbonización e da implantación das novas tecnoloxías na economía, intensificándose a valorización do capital e a desvalorización do traballo e aumentando a concentración da riqueza en menos persoas, en territorios máis lonxe de Galiza, e elevando o risco de exclusión social e dun elevado e estrutural desemprego.
Neste contexto, urxe un plan galego de recuperación económica, industrialización e creación de emprego digno e servizos públicos na nosa terra, ao tempo que é fundamental que tanto a acción dos gobernos como a propia política laboral superen o centralismo español, a submisión aos principios neoliberais e que o economicismo dite a regulación e aplicación dos dereitos sociais.
Unha mudanza que virá da man da mobilización social, para forzar a aprobación dunha nova lexislación laboral e social que restitúa os dereitos perdidos e favoreza novos dereitos e regulacións que nos fortalezan como clase traballadora galega. De igual xeito, só o conflito na negociación colectiva garantirá o noso dereito a negociar e a decidir de xeito democrático e directo en Galiza os nosos convenios colectivos, as nosas condicións de traballo e de vida.