SOS Sanidade Pública tende a man a Núñez Feixóo para que sente a negociar
Representantes da plataforma fixeron entrega dunha solicitude de entrevista no rexistro
Representantes da plataforma SOS Sanidade Pública presentaron esta mañá un escrito no rexistro xeral da Xunta de Galiza solicitando unha entrevista co Presidente da Xunta e en demanda da retirada do proxecto de lei de reforma da Lei Galega de Saúde, que entenden que prexudica profundamente o sistema sanitario público. Ademais a plataforma tende a man para que se abra un proceso de negociación para, entre os distintos sectores, abordar a problemática que padece a sanidade pública galega.
SOS Sanidade Pública remitiu hai días, por correo electrónico, á secretaria do Presidente da Xunta, unha petición de entrevista da que non obtiveron resposta. Hoxe a plataforma presentaba esa solicitude por escrito e vía rexistro entendendo que “tras da gran manifestación do pasado día 4 de febreiro, de rexeitamento da contra-reforma da Lei Galega de Saúde e do deterioro da sanidade pública galega, debería intentarse a negociación destas peticións”.
A este respecto o portavoz de SOS Sanidade Pública, Manuel Martín, explicou que a plataforma non pretende manter inamovíbel a Lei Galega de Saúde senón que está disposta a mellorarala pero “non empeorala como pretende a administración”.
Fronte a isto chamou a intentar consensuar estratexias e políticas para buscar solucións “ao gravísimo problema que ten a sanidade pública en Galiza”. Unha situación da que responsabilizou ás políticas de recortes e desmantelamento impostas pola Xunta de Galiza, sob pretexto da crise económica.
Martín asegurou que desde SOS Sanidade Pública enténdese que neste proceso de negociación debe estar o goberno de Galiza, a consellaría de Sanidade, mais tamén deben estar as organizacións sindicais, a Xunta de Persoal e as organizacións políticas e cidadás.
Man tendida
Por iso reiterou que a plataforma de manter a man tendida á negociación porque “cremos que a sanidade pública está nunha situación moi preocupante”. Unha man tendida que agardou “que o goberno saiba recollela”.