Representantes da Plataforma SOS Sanidade Pública compareceron esta mañá en rolda de prensa para exixir ao presidente da Xunta que responda á súa “man tendida” e sente a negociar, máis tras da multitudinaria manifestación que percorreu as rúas de Compostela o pasado día 4 de febreiro. Xunto a isto anunciaron novas mobilizacións nas áreas sanitarias que se transforman en distritos e unha concentración diante do Parlamento, o vindeiro día 20 de marzo, coincidindo co pleno no que se debate o proxecto de reforma da Lei Galega de Saúde. Non descartan, ademais, convocar unha nova manifestación nacional se non reciben resposta do SERGAS e as súas demandas non son atendidas.
SOS Sanidade Pública alertou dos problemas que neste intre padece a sanidade pública galega e das consecuencias aínda máis graves que terá a contrarreforma que pretende aprobar no parlamento o Partido Popular.
Unha reforma que, segundo explicaron, recorta e desmantela os hospitais comarcais dificultando o acceso da poboación rural a atención hospitalaria, malia ser a máis envellecida e máis necesitada de asistencia. Neste sentido advertiron que as e os enfermos “deberán percorrer moitos quilómetros para acudir aos hospitais xerais, dende O Barco de Valdeorras a Ourense 115 km en 1 hora e media; de Burela a A Coruña 94 km en 1 hora e 18 minutos; de Monforte a Lugo 66 km en 50 minutos, e de Vilagarcía a Pontevedra 16 km en media hora”.
Denunciaron ademais que coas modificacións introducidas na Lei redúcense a distritos as áreas sanitarias do Salnes, A Mariña, O Barco de Valdeorras e Monforte, recortando os seus recursos e deixándoas sen capacidade de decisión e de xestión, para centrar o poder nos grandes hospitais.
Deterioro da atención primaria
Porén na lei mantéñense as Estruturas de Xestión Integrada (EOXIS) perpetuando a subordinación e o deterioro da Atención Primaria as Xerencias Hospitalarias. “Dende a súa entrada en funcionamento, os recortes foron un 70% superiores aos aplicados nos hospitais, mentres que o seu orzamento baixou do 15,5% ao 13% do gasto do SERGAS”. Isto deteriorou, segundo afirmaron, aos Centros de Saúde “imprescindibles para garantir unha asistencia próxima a xente e as actividades de Promoción e Prevención da Saúde”.
Por iso lamentaron que a política sanitaria do SERGAS se basee no intento de curación da enfermidade, como negocio para a sanidade privada, e non na prevención.
Axencias sanitarias: chiringuitos
Xunto a isto, advertiron que o que se potencia son as Axencias Sanitarias, que definiron como “auténticos chiringuitos” para xestionar os centros e recursos (sangue, transplantes de órganos, formación do persoal e demais), onde se permite a laboralización, a perda de dereitos e a precarización do persoal sanitario, que perderá ademais a súa capacidade de decisión nos tratamentos das/os doentes.
Alertaron de que se consolida ao tempo a privatización da investigación e a innovación sanitaria, poñéndoa en mans dos laboratorios farmacéuticos, empresas tecnolóxicas e fondos de investimento, que controlan a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde. “O SERGAS pon os cartos, os profesionais, os recursos diagnósticos e os enfermos, para experimentos que logo son patentados e vendidos polas multinacionais. Nuñez Fejjoo pretende poñer o Sistema Sanitario Público Galego ao servizo do desenvolvemento empresarial, en lugar de garantir a saúde da poboación”.
SOS Sanidade Pública tamén considera grave que se reduza e limite a participación social na Sanidade Pública, xa que a función dos Consellos de Saúde cinguirase a recibir información do SERGAS sen ningunha capacidade de control real sobre a poboación e execución do Plan de Saúde canto a contratación de servizos sanitarios, concertos e subvencións coa privada, Memoria Anual, proxectos de Orzamentos Anuais, prestacións e carteira de servizos. Os membros dos Consellos serán ademais elixidos pola administración, quedando excluído o movemento veciñal e outros axentes sociais, pola súa actividade crítica e reivindicativa.
Para a plataforma a lei potencia o “favoritismo e a arbitrariedade” na contratación do persoal sanitario, ampliando a capacidade do SERGAS para adxudicar, sen concurso, os postos de traballo no sistema, grazas á libre designación, dos seus amigos.
Debate social e profesional
Fronte a esta situación SOS Sanidade Pública defende a necesidade de abrir un “auténtico” debate social e profesional para mellorar a sanidade pública galega, no que se aborden cuestións como o mantemento as catro áreas sanitarias en perigo e o reforzamento e ampliación dos servizos e recursos dos hospitais comarcais, para garantir a asistencia de saúde de calidade a poboación rural en condicións de igualdade.
A plataforma defende tamén a supresión das EOXIS e recuperar as Xerencias de Atención Primaria, para garantir a autonomía e capacidade resolutiva dos Centros de Saúde, para potenciar a prevención e a promoción da saúde. Mellorar a colaboración da AP cos hospitais en condicións de equidade.
Potenciar a investigación
Canda isto aposta por potenciar a formación, investigación e innovación do SERGAS con recursos públicos; mellorar e potenciar a Participación Social na planificación e control do Sistema de Saúde Público, sen exclusións en todas as estruturas do sistema; garantir a equidade de acceso ao sistema, dos mellores profesionais e traballadores en base a criterios de igualdade, mérito e capacidade; recuperar os recursos recortados, incrementar o persoal sanitario para acabar coas listas de agarda en hospitais e Atención Primaria e os colapsos nos Servizos de Urxencias.
Isto ademais de acabar coa maquillaxe das listas de agarda e coa ocultación de doentes nas listas non estruturais e modificar a Lei de Garantías dos Tempos de Espera que facilita a desviación de miles de paciente a centros privados, descapitalizando e privatizando o sistema sanitario público.
Na rolda de prensa a Plataforma SOS Sanidade Pública fixo ademais entrega dun ANEXO no que se recollen datos pormenorizados da situación na que se atopan as áreas sanitarias quem polo seu interese, reproducimos íntegro: