SOS Sanidade Pública desmente a súa participación na mobilización do 18 de novembro

Acusa ás organizacións convocantes de intentar rachar a Plataforma

Nacional -

A Plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia vén de informar que non convocou ningunha manifestación para o próximo día 18 de novembro en defensa da sanidade pública. Advirte que esta mobilización partiu de grupos que non forman parte de SOS Sanidade Pública e denuncian que “están utilizando os nosos documentos e logotipos para crear confusión social e profesional”.

SOS Sanidade Pública asegura que esta convocatoria responde ao intento de fracturar unha Plataforma que aglutina á gran maioría de organizacións sociais, de enfermos/as, profesionais, veciñais, sindicais e políticas de Galicia, que levan máis de 20 anos loitando contra o desmantelamento e a privatización do noso sistema sanitario público.

Lembra que ao longo destes anos convocou numerosas manifestacións e mobilizacións unitarias en todas as cidades e áreas sanitarias en defensa da sanidade pública galega. Mobilizacións que “foron sempre consensuadas polas numerosas organizacións que nos integran, malia as diferenzas ideolóxicas”.

Importantes éxitos

Sinala que grazas a esas mobilizacións conseguíronse importantes éxitos como a reintegración ao sistema público das catro fundacións hospitalarias; a renuncia de Feijoo a construír un hospital de colaboración privada en Pontevedra; o inicio do desmantelamento da Sociedade Anónima Galaria ou mobilizar a máis de 200.000 persoas contra a privatización do Hospital Ávaro Cunqueiro de Vigo. Isto ademais de sensibilizar e mobilizar, en colaboración coas Xuntas de Persoal, a miles de persoas contra o desmantelamento dos hospitais comarcais en Monforte, a Mariña, o Salnés e o Barco de Valdeorras.

Fins particulares

Por iso a Plataforma alerta de que os promotores da manifestación do día 18 de novembro “intentan utilizar con fins políticos particulares o gran rexeitamento social e profesional á privatización do noso sistema. Pretenden  xerar unha  división social e profesional que só beneficia ao actual goberno do PP e a súa estratexia neoliberal”.

Adianta ademais que se convocarán mobilizacións contra o Anteproxecto de modificación da Lei Galega de Saude.

 

Volver