SOS Compostela exixe que se garanta a calidade na diálise na clínica Souto Boo

Un informe da Inspección de Servizos Sanitarios da Coruña certifica deficiencias que non foron subsanadas

Compostela -

SOS Sanidade Pública de Compostela esixe que, de inmediato, a Consellaría de Sanidade e o xerente da EOXI de Compostela, respondan aos requirimentos da plataforma que, desde o 16 de abril de 2016, demanda unha aclaración respecto da atención que se lle está a prestar as/aos doentes que o SERGAS envía a clínica Souto Boo para ser dializadas/os.

Con data 16 de abril de 2016, a Plataforma SOS Sanidade Pública de Compostela enviou un escrito, mediante rexistro de entrada, ao Conselleiro de Sanidade e ao Xerente da EOXI de Compostela demandando información sobre o que está a acontecer na clínica Souto Boo, tras ter acceso ás declaracións que as/os traballadoras/es e as/os doentes enviados polo SERGAS a esta clínica realizaron na Inspección de Servizos Sanitarios da Coruña, dependente da Consellaría de Sanidade.

A Plataforma tivo coñecemento de que ese informe fora enviado á Subdirección Xeral de Inspección e Acreditación de Servizos Sanitarios dependente da Secretaria Xeral Técnica da Consellaría de Sanidade e que recollía unha serie de medidas a cumprir pola clínica Souto Boo, para garantir a calidade na diálise que se presta neste centro concertado “e que se paga con diñeiro público”.

SOS Compostela sinala que transcorrido todo este tempo non recibiu ningunha resposta das autoridades sanitarias e que o máis grave é que as denuncias do persoal continúan, “sen que ningún responsable da Consellaría de Sanidade e da Xerencia de Compostela, actúe”.

Mentres todo isto sucede a plataforma tivo acceso a unha nota do Director Xeral de Asistencia Sanitaria na que lle comunica á Subdirección Xeral de Inspección, Auditoría e Acreditación de Servizos Sanitarios, que “unha Auxiliar de Enfermaría  (Persoal non Sanitario…..?) ínstaos a unha actuación na devandita clínica, para garantir a calidade na asistencia”.

Para a plataforma “non é de recibo a ignorancia do director Xeral de Asistencia Sanitaria” ao que lle lembra que as/os TCAEs (Técnicos en coidados persoal de enfermaría) son persoal sanitario, englobados dentro do persoal de enfermaría. Por iso entende que “se a súa intención é a de restar importancia o requirimento, para seguir sen actuar, desacreditando a quen o fai, o único que se desacredita é el. Un director de Asistencia Sanitaria non pode seguir escondéndose ante esta situación”.

Por iso exixe que de inmediato a Consellaría de Sanidade e a Xerencia de Compostela actúen, que comproben a situación asistencial que se dá neste centro, e que lles faga cumprir os ratios de persoal necesario para dar unha asistencia de calidade.

Ademais advirte que se nun prazo breve non recibe ningunha comunicación dos/as responsables da Administración Sanitaria, “iniciaremos unha serie de actuacións, para garantir que as/os doentes remitidos polo SERGAS a esta clínica, reciban unha atención de calidade”.

Volver