SOS Sanidade concéntrase nos centros de saúde para reclamar unha Atención Primaria forte e con recursos
Con motivo da conmemoración do Día internacional do primeiro nivel asistencial da sanidade pública
Co gallo do Día internacional da Atención Primaria, SOS Sanidade Pública desenvolveu concentracións este luns en numerosas localidades galegas para denunciar os graves problemas de accesibilidade, a falta de recursos orzamentarios, a escaseza de profesionais e o abandono que sofre este nivel asistencial como parte do proceso de desmantelamento e privatización da sanidade pública do Goberno do PP na Xunta de Galiza.
No decurso das protestas destacouse que os sistemas cunha Atención Primaria potente, conseguen aumentar a esperanza de vida, teñen menores taxas de mortalidade, un mellor control das doenzas crónicas e melloran o funcionamento global do resto da rede. Porén en Galiza, a realidade é outra ben distinta: centros de saúde saturados, sen persoal, pechados no medio rural ou que funcionan “a medio gas”.
SOS Sanidade puxo a atención na espera media de consulta, que xa supera os 10 días, ou na existencia de 11.000 crianzas que carecen de pediatra de referencia; mentres o persoal abandona a Atención Primaria a causa da precariedade laboral. O deterioro deste nivel asistencial provoca que se colapsen as urxencias hospitalarias, que se disparen os casos graves, se empeoren os prognósticos de doenzas “e que se multiplique o sufrimento das persoas enfermas”.
Fronte a isto, a plataforma (da que a CIG fai parte activa) exixiu:
Incrementar os recursos da Atención Primaria até o 25% do orzamento sanitario (na actualidade está no 14%), tal e como recomenda a OMS.
2.- Garantir a accesibilidade e a continuidade asistencial con maiores recursos: medicina de familia, pediatría, enfermaría, saúde mental, fisioterapia, traballo social, saúde bucodental, logopedia, máis persoal administrativo, matronas, etc. para dar unha atención integral nos centros de saúde.
3.-Unha política de persoal xusta e incentivadora , con oposicións anuais até completar as prazas vacantes na actualidade.
4.- Combater o abuso da medicalización e a burocracia absurda.
5.- Reorientar a Atención Primaria cara á saúde en lugar de a enfermidade, desenvolvendo estratexias de saúde comunitaria.
6.- Que a atención que se presta dende a Hospitalización a Domicilio (HADO) se faga por criterios sanitarios e non por distancia ao hospital de referencia.
7.-Asegurar a formación e a investigación de calidade en todas as categorías de persoal, dende a Administración.
8.- Incentivar a participación cidadá , coa posta en marcha do Consello de Saúde de Galiza e os Consellos de Saúde de Área Sanitaria.
9.- Negociar na Mesa Sectorial de Sanidade os problemas laborais; limitando a 30 pacientes por día de consulta, 1.200 tarxetas sanitarias por cupo; melloras retributivas para rematar coa precariedade e a inestabilidade laboral; a incorporación das categorías profesionais que faltan nos centros de saúde; elaborar un Plan de Saúde Mental, consensuado cos e coas profesionais que se dedican a este campo; sacar oposicións anuais para resolver o problema das prazas vacantes, etc. E xunto a isto, poñer en marcha xa as conclusións do documento elaborado polo Consello Técnico de Atención Primaria, do novo modelo para este nivel.