"Somos unha fábrica competitiva, temos futuro e imos defender os empregos en Alcoa até o final"

Miles de persoas maniféstanse na Coruña en contra do peche da fábrica de aluminio
A Coruña - 20 Out 2018

As rúas da Coruña enchéronse na mañá deste sábado dun berro a prol do emprego e na defensa do cada vez máis desmantelado tecido industrial da comarca: "Alcoa non se pecha". Baixo esa consigna miles de persoas marcharon dende a Praza da Palloza até a Delegación do Goberno en solidariedade e apoio aos traballadores e traballadoras de Alcoa Inespal e para rexeitar a decisión da multinacional do aluminio de pechar a planta coruñesa.

A manifestación contou coa participación de numerosos representantes políticos e sindicais e unha nutrida delegación de traballadores/as fábrica de Alcoa en Avilés, tamén ameazada de peche. No decurso da protesta demandouse da empresa a retirada inmediata do expediente de despedimento colectivo para os pretos de 400 traballadores/as da factoría da Coruña, un prezo da enerxía estábel e medidas para garantir o mantemento da actividade produtiva.

Precisamos dunha tarifa eléctrica galega

"Esiximos a retirada inmediata do ERE e unha solución a longo prazo que poña fin á constante incerteza que se vive nas industrias electrointensivas", aseveraba o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, quen defendeu a necesidade de retomar un consenso político sobre o sistema eléctrico, en base á proposta que a CIG formula para a creación dunha tarifa eléctrica galega que permita abaratar o custe da enerxía e a implantación dunha tarifa industrial estábel, con variacións predicíbeis, á que se poidan acoller as empresas de grandes consumos baixo o cumprimento dunha serie de requisitos e que recoñeza o estatus específico deste tipo de industrias.

Para Carril resulta insólito que en Galiza "gran produtora e exportadora de enerxía vexamos como pechan as nosas empresas sen podernos aproveitar dos nosos recursos". Lembrou que en 2015 a CIG levou ao Parlamento galego a ILP de medidas para garantir a enerxía como servizo público e contra a pobreza enerxética, que recibiu o apoio unánime da cámara galega; Poren, na súa tramitación o PP rexeitouna cualificándoa de separatista e baleirouna de contido para reconvertela nunha lei pola eficiencia enerxética.

Curiosamente, por esas datas, o Goberno de Mariano Rajoy aprobaba unha tarifa industrial diferenciada para Euskadi (que agora o PSOE mellorou) e que suporá un aforro de 120 millóns de euros para as empresas vascas.

O secretario xeral da CIG criticou "o deixamento absoluto por parte do PP e de Feijóo, que renega de aproveitar os nosos recursos para que poidan reverter no noso desenvolvemento económico e industrial, que as nosas empresas sexan máis competitivas, e na creación de emprego; e hoxe nos atopamos con que o futuro de 400 postos de traballo na comarca da Coruña están no aire".

A Coruña, deserto industrial

Pola súa banda, o secretario comarcal da CIG da Coruña, Xabier Filgueira, advertía que, de levarse adiante as pretensións de Alcoa, "isto suporá un novo golpe ao sector industrial da comarca, afondará no desmantelamento do noso tecido produtivo e na perda de postos de traballo de calidade".

Fronte a isto, a chamou a dar a batalla para evitar "que a nosa comarca se converta nun verdadeiro deserto industrial" e reclamou a posta en marcha dun Plan de Industrialización Comarcal e un programa comarcal de infraestruturas que dean apoio e fomenten as potencialidades dos sectores produtivos básicos.

Filgueira lembrou que aínda que nos últimos anos se perderon centos de empregos no sector industrial, até o momento ningún goberno puxo en marcha políticas para reverter esta situación. Isto provoca que a estrutura económica continúe asentada no sector servizos e nas grandes superficies comerciais "exemplos de precariedade laboral e dun modelo desconectado da economía produtiva".

Retirada inmediata do ERE

En canto á decisión da empresa, Julio Moskowich, delegado da CIG no comité, rexeitou os argumentos de carácter técnicos, produtivos e organizativos esgrimidos pola multinacional do aluminio, "porque na realidade o problema é o prezo da enerxía". "Non compartimos en absoluto que a fábrica da Coruña estea anticuada. Pode necesitar dunha modernización para ser máis eficiente, pero se tiveramos uns prezos da electricidade máis competitivos, esta planta estaría dando beneficios nestes intres". Lembrou tamén que o custe da enerxía no Estado español é dos máis altos de Europa.

Moskowich chamou as administracións a exercer toda a presión posíbel sobre Alcoa para que retire o expediente de despedimento "mesmo ameazando coa nacionalización, e a partir de aí afrontar un proceso de negociación con todas as partes implicadas (administracións, empresa e representación sindical) para acadar unha solución definitiva a longo prazo que garanta a continuidade da actividade e dos empregos".