Solidariedade galega co pobo de Venezuela Milleiros de persoas mobilizáronse contra as agresións imperialistas

Nacional - 19 Xan 2026

A clase traballadora galega consciente volveu evidenciar unha vez máis o seu compromiso internacionalista, antiimperialista e solidario saíndo á rúa nada máis coñecerse a última agresión militar do Goberno dos Estados Unidos de América (EUA) contra o pobo venezolano. Varios milleiros de persoas mobilizáronse en Vigo e Santiago para rexeitar os ataques e reclamar a posta en liberdade do presidente Nicolás Maduro e da deputada Cilia Flores.

Centros de persoas participaron na concentración celebrada na tarde do pasado sábado 3 de xaneiro diante do Consulado da República Bolivariana de Venezuela en Vigo para denunciar que o “brutal ataque” contra o país caribeño constitúe unha “clara violación” da soberanía nacional venezolana e unha “grave vulneración” do Dereito Internacional e do sistema multilateral. 

A intervención estadounidense incumpriu numerosas normas do Dereito Internacional, como a non violación da soberanía territorial e do principio de non intervención, a prohibición do uso da forza e a inviolabilidade do xefe de estado

Horas antes da mobilización a CIG fixo público un breve comunicado no que amosaba o seu rexeitamento ao ataque “imperialista e colonial” dos EUA contra Venezuela, ao tempo que denunciaba a “complicidade e o silencio” dos países da UE contra esta “inadmisíbel” intervención militar. A central sindical trasladáballe tamén a súa solidariedade ao Goberno e ao pobo venezolano e chamaba a participar na concentración “en defensa da paz e polo respecto á soberanía de Venezuela, de América Latina, do Caribe e do mundo”.

Unha semana despois Santiago de Compostela acolleu unha manifestación nacional convocada pola Asociación Galego-Bolivariana Hugo Chávez (AGABO) co apoio da vintena de organizacións políticas, sociais e sindicais integradas no Capítulo Galego da Internacional Antifascista, entre elas a CIG, na que varios milleiros de persoas percorreron as principais rúas da capital de Galiza ao berro de “o imperialismo é terrorismo”. Con esta nova mobilización, que se celebrou baixo o lema ‘Alto á agresión ianqui contra Venezuela, pola paz e a soberanía dos pobos’, trasladóuselle tamén unha mensaxe de solidariedade e de apoio ao pobo venezolano “que resiste fronte aos ataques do imperialismo estadounidense”.

A marcha, que ao igual que a concentración de Vigo contou coa presenza do cónsul venezolano no noso país, Martín Pacheco, desenvolveuse ao mediodía entre a Alameda e a Praza de Praterías, onde se deu lectura a un comunicado no que se denunciaba o asasinato de máis de 100 persoas durante o ataque militar, ademais da destrución de almacéns de medicinas e de servidores informáticos da universidade. “Un ataque que non é un feito illado, senón a culminación de décadas de inxerencia estadounidense nos asuntos internos de Venezuela, especialmente desde que o comandante Chávez chegou ao poder e promulgou a Lei de Hidrocarburos, destinando a renda petroleira ao benestar do pobo venezolano”, sinalábase no texto.

Intervención ilegal

Ao mesmo tempo, facíase fincapé en que a actuación estadounidense incumpriu numerosas normas do Dereito Internacional, como a non violación da soberanía territorial e do principio de non intervención, a prohibición do uso da forza e a inviolabilidade do xefe de estado. E lembrábase que “os argumentos para xustificar esta intervención ilegal -ao non contar coa autorización do Consello de Seguridade da ONU- foron falsos e cínicos”.

Finalmente, condenábase a actitude de EUA e do Goberno de Donald Trump, expresábase o apoio á presidenta encargada, enviábanse condolencias aos familiares das persoas mortas, saudábase “con honra” aos militares e civís venezolanos falecidos e enviábaselle unha enorme aperta “aos amigos cubanos como exemplo de solidariedade internacionalista e sempre no apoio dos procesos revolucionarios, sexan en países de África ou en Venezuela”.