Sobreexplotación do traballo

Emir Sader -

As restauracións neoliberais en países como Arxentina e Brasil concentran gran parte do accionar dos gobernos para xerar as condicións para elevar a explotación dos traballadores. A “reforma laboral” brasileira é o mellor exemplo da imposición de condicións salvaxes aos traballadores

Conforme os traballadores foron logrando diminuír a duración da xornada laboral, os grandes empresarios foron desenvolvendo métodos novos de explotación da forza de traballo. Como non podían dispor dos traballadores por tantas horas, tiveron que implementar a produtividade do traballo, a utilización da man de obra de xeito máis intenso, para manter e mesmo estender a extracción do excedente.

 No centro do capitalismo ese mecanismo permitiu un gran ciclo de desenvolvemento económico, que combinou expansión e integración de amplos sectores da clase traballadora. Mentres, na periferia, os mecanismos foron outros.

 Tras chegar con atraso ao mercado internacional, as burguesías periféricas intensificaron a explotación da clase obreira para lograr condicións competitivas no plano internacional, que lles permitisen atopar espazos nese mercado. Por iso é polo que os mecanismos de sobreexplotación se desenvolveron tan amplamente na periferia.

 A categoría de sobreexplotación do traballo é parte inherente da teoría marxista da dependencia, elaborada por Ruy Mauro Marini, gran intelectual brasileiro, que viviu e produciu practicamente toda a súa obra no exilio, en Chile e en México, sempre asociada á militancia política, en Brasil na organización Política Obreira (Polop), nos outros países no MIR chileno. A súa obra articula unha concepción de como na periferia se combinan a dependencia externa coas condicións específicas da loita de clases, nomeadamente da extracción do excedente.

 É só nese marco teórico en que se pode comprender de forma cabal o significado e o lugar da sobreexplotación do traballo. Trátase de formas agregadas de explotación, de extensión da xornada e de intensificación do traballo que, combinadas, xeran mecanismos que elevan a explotación moi por riba das condicións normais e estruturais de extracción da plusvalía.

 Eses mecanismos, á súa vez, bloquean calquera posibilidade de expansión do mercado interno de consumo popular, porque se remunera aos traballadores por baixo das súas necesidades básicas. Por iso é polo que os modelos de acumulación na periferia dependen das altas esferas de consumo do mercado e de exportación.

 A sobreexplotación require, á súa vez, condicións políticas para que se efectivice. En Brasil, foi indispensábel o “bloqueo salarial” (conxeamento do salario), para que se dese o “milagre económico” durante a ditadura militar. Foi o santo do milagre económico. A ditadura combinou represión política con sobreexplotación dos traballadores.

 As restauracións neoliberais en países como Arxentina e Brasil concentran gran parte do accionar dos gobernos para xerar as condicións para elevar a explotación dos traballadores. A “reforma laboral” brasileira é o mellor exemplo da imposición de condicións salvaxes aos traballadores, que inclúen, entre outras, medidas como reducir para menos dunha hora o horario de xantar, permitir que mulleres embarazadas ou que aleitan os seus fillos traballen en condicións insalubres. Practicamente son abolidos os dereitos elementais dos traballadores, incluíndo a duración da xornada de traballo, o salario mínimo, que teñen que ser discutidos en cada negociación salarial. Imponse, como din cinicamente os seus promotores, o discutido sobre o lexislado, isto é, se o nivel de desemprego e a correlación de forzas en que se dan as negociacións o permite, non hai límite para que se impoñan as condicións máis salvaxes de explotación dos traballadores.

 Os réximes de excepción, onde o Poder Xudicial xa non é garante do Estado de dereito; onde gobernan o banqueiros e se impón a terceiización das relacións de traballo; onde se restrinxen as accións dos sindicatos para defender as conquistas dos traballadores; onde se impón o Estado mínimo, coa centralidade do mercado, é o mellor escenario político para que a sobreexplotación dos traballadores se impoña.

 Mesmo durante algunhas poucas décadas, a socioloxía do traballo era unha de especialidades máis prestixiosas e buscadas no eido das Ciencias Sociais. Despois das críticas á excesiva “centralidadedo traballo”, pasouse ao polo oposto, en que parecese que as actividades do traballo son unhas entre tantas outras, e non máis a actividade esencial que ocupa a maior parte do tempo da gran maioría das persoas no mundo.

 Hai que rescatar a importancia das relacións de traballo, nun mundo en que, máis que nunca, a maioría esmagadora da humanidade vive do traballo, por mais diferenciadas que sexan esas actividades. Que esa gran maioría vive do traballo e para o traballo. A teoría marxista da dependencia de Ruy Mauro Marini é o mellor marco teórico para ese indispensábel rescate.

 

[Artigo tirado do xornal arxentino Página 12, do 15 de novembro de 2017]

Volver