Soberanía, Estado e relacións entre clases na época do euro

Domenico Moro - 01 Out 2018

Coa introdución da moeda única a soberanía democrática e popular quedou fortemente restrinxida. O mecanismo institucional creado -a moeda única e o Banco Central Europeo- furta o control da política monetaria aos Estados e obrígaos a unha disciplina orzamentaria os límites da cal están establecidos nos tratados europeos

 O euro ou, máis concretamente, a integración económica e monetaria (UEM), non é un simple proxecto económico; é un proxecto político, entendendo por política a capacidade de orientar e xestionar as relacións de todas as clases sociais entre si e co Estado.

 O euro, xa que logo, concirne non só á reorganización da economía, senón tamén á reorganización do Estado para facer fronte á necesidade de acumulación na fase de capital globalizado. O euro, segundo a nosa tese, non representa a superación do Estado-nación. É sobre todo o instrumento dunha nova definición das relacións de forza dentro do Estado-nación e de Europa, a favor do estrato superior do capital, o máis grande e internacionalizado, fronte ao traballo asalariado e as clases subalternas. Esta nova definición dunhas relacións de forza herdadas das loitas do movemento obreiro e socialista dos dous últimos séculos, en particular da loita vitoriosa contra o nazifascismo e das loitas dos anos sesenta e setenta, consiste en transferir algunhas funcións económicas concretas do Estado ao nivel supranacional europeo, como o control da moeda e os orzamentos públicos. Con iso altérase o concepto de soberanía estatal. Cómpre precisar, así e todo, que non é a soberanía nacional o que se suprime da UEM, senón a soberanía democrática e popular, é dicir, o exercicio do control popular e xa que logo a posibilidade que teñen as clases subalternas de incidir nas decisións e a acción do Estado.

Soberanía e Estado

 Un dos conceptos básicos da historia moderna é o de soberanía. Con ela enténdese o exercicio exclusivo do poder decisorio e executivo nun territorio concreto, que por motivos históricos peculiares da historia e a xeografía europea adoita coincidir cunha nacionalidade concreta, é dicir, cunha uniformidade de características ante todo lingüísticas, e despois culturais, relixiosas, económicas e sociais.

 O concepto de soberanía encárnase materialmente no Estado. O Estado, como recorda Max Weber, é un organismo, unha máquina que se caracteriza polo monopolio do exercicio lexítimo da violencia e, xa que logo, pola dispoñibilidade exclusiva dos corpos armados (policía e forzas armadas) e as estruturas materiais (cárceres, cuarteis, etc.). Pero para o marxismo o Estado non é o exercicio neutral do monopolio da forza, senón o organismo que garante, mediante o devandito monopolio, o dominio da clase económica dominante. Como confirmaron recentemente as investigacións arqueolóxicas nas zonas de China onde naceu a civilización da Medialúa Fértil, o Estado nace cando se alcanza certo nivel de división do traballo, que xera a división da sociedade en clases sociais.

 Mais, tanto en Marx e Engels como nos seus continuadores do século XX, como Gramsci e Poulantzas, o Estado non é só o dominio, baseado na forza, da clase económica dominante. Tamén é o terreo da mediación entre as clases, situado aparentemente por riba delas.

 «O Estado», escribe Engels, «non é un poder imposto desde fóra á sociedade (…). É máis ben a confesión de que esta sociedade se enguedellou consigo mesma nunha contradición indisolúbel, de que se escindiu en antagonismos irreconciliábeis e é incapaz de eliminalos. Mais para que estes antagonismos, estas clases con intereses económicos en pugna non se destrúan entre si e destrúan a sociedade nunha pelexa estéril, xorde a necesidade dun poder que estea, en aparencia, por riba da sociedade, que atenúe o conflito, que o manteña dentro dos límites da “orde”».

 O Estado é unha xigantesca relación social que plasma nas súas institucións e leis as relacións de forza dentro dunha formación socioeconómica determinada -a concreción do modelo abstracto do modo de produción- e entre as clases dominantes de distintos países. Polo tanto o Estado, mesmo dentro dun mesmo modo de produción, tende a asumir formas distintas segundo a fase do modo de produción, as relacións de forza entre as clases e os equilibrios e as relacións de poder internacionais.

O afianzamento da soberanía na modernidade europea

 En Europa Occidental, a diferenza de China, a unidade estatal e a unidade cultural e lingüística do imperio romano esfarelouse definitivamente coas invasións bárbaras. A unidade imperial deu paso a unha fragmentación extrema en termos de soberanía e de lingua, coincidente coa implantación do modo de produción feudal, limitado a unha produción e un comercio local. En España, Francia e Inglaterra a construción dunha soberanía estatal e neste caso da nación é o froito dun proceso histórico moi prolongado, que arrinca no século XIV e chega até o XVIII.

 O proceso de construción da soberanía estatal e nacional supón a superación dos chamados «foros», os privilexios recoñecidos pola monarquía, tanto os herdados do feudalismo como os das cidades da nacente burguesía protocapitalista. Polo tanto, o afianzamento da soberanía é, esencialmente, a consolidación do centralismo contra o localismo feudal e o localismo das cidades manufactureiras e mercantís. Xorde un poder central identificado na persoa do rei, do soberano. Entre os séculos XVI e XVII a soberanía chamouse absoluta, do latín absolutus, sen límites: o soberano non está condicionado por outros poderes. A expresión emblemática deste absolutismo é Luís XIV, o Rei Sol, figura case divinizada, que suxeita baixo a súa autoridade a aristocracia feudal.

 O afianzamento da soberanía do Estado-nación moderno coincide coa aparición de relacións de produción capitalistas moito antes da revolución industrial inglesa. Segundo Giovanni Arrighi a división de Europa Occidental en Estados nacionais fortes foi unha das principais condicións para a formación dun capitalismo de dimensións mundiais; Jared Diamond atribúe a esta división a superioridade europea sobre outras zonas do mundo como China e a India, onde tamén se desenvolveron civilizacións igual de duradeiras ou máis. A situación continua de guerra e competición, á vez que de intercambio cultural e tecnolóxico entre os Estados nacionais, favorece, por unha banda, a transferencia de innovacións e tecnoloxía, e por outro require grandes gastos para manter exércitos permanentes, canóns, armadas e fortificacións de novo tipo, co conseguinte aumento da débeda pública e o desenvolvemento dos bancos e da mobilidade do capital, así como a aparición de industrias modernas e innovacións técnicas, sobre todo na elaboración dos metais, a produción de armas de fogo e a construción naval.

 Neste proceso Italia presenta unhas peculiaridades que influirán no seu desenvolvemento e o seu encaixe no proxecto europeo. Italia, berce do capitalismo e da banca moderna, é o país máis desenvolvido de Europa entre os séculos XIV e XVII. Pero a incapacidade de crear un Estado nacional unitario apto para soster o desenvolvemento capitalista e o desprazamento do centro de gravidade do comercio internacional desde o Mediterráneo cara ás Indias Occidentais e Orientais desposúea desta primacía a favor de Estados nacionais con exércitos ben armados, como os Países Baixos primeiro e Inglaterra despois. Como sinalou Gramsci, o Papado, única organización supranacional de Europa e herdeiro ideal do imperio romano, é un obstáculo importante para este proceso e para o desenvolvemento dunha cultura cosmopolita, obstáculo que influirá na mentalidade dos intelectuais italianos e atrasará a formación dunha conciencia nacional.

 No século XVII afiánzase a soberanía absoluta, mais ao mesmo tempo xorde a tendencia a criticala e limitala mediante a participación democrática de sectores sociais máis ou menos amplos. Entre finais do século XVI e a primeira metade do XVII o aumento dos conflitos armados entre Estados e a forte crise económica provocan a intensificación sistemática do conflito social. En toda Europa aparecen movementos populares, como a rebelión de Masaniello en Nápoles, nos que conflúen tanto a burguesía comercial e a dos gremios como as masas populares empobrecidas polo aumento da presión fiscal dos Estados en guerra. A crítica á soberanía absoluta alcanza o seu grao máximo coa revolución inglesa, que ten como obxectivo limitar a soberanía do monarca, quen pretende que a súa lexitimidade derive directamente de Deus, e sometelo ao control popular a través do parlamento. É unha soberanía democrática en sentido moi restrinxido, porque o parlamento, unha vez derrotados os sectores máis radicais e populares, expresa os intereses da burguesía comercial inglesa, que está suplantando a hexemonía holandesa.

Soberanía e Estado en época do euro

 O proceso de crítica á soberanía absoluta prosegue no século XVIII coa Ilustración, pero con dúas tendencias opostas. Unha é a reformista, encarnada en Voltaire, amigo de Catalina de Rusia e Federico o Grande de Prusia, que pretende «ilustrar» o absolutismo monárquico. A outra é a do radical e revolucionario Rousseau, para quen a soberanía é o froito da vontade popular e baséase no consenso expresado nun contrato social. Unha idea criticada posteriormente por Hegel, porque cuestiona a natureza do Estado como autoridade situada por riba da sociedade e, xa que logo, a propia existencia do Estado: «O pobo, tomado sen monarca e sen a articulación do conxunto vinculada necesaria e inmediatamente con el, é unha masa informe que xa non é Estado». En Rousseau a soberanía democrática ten un carácter de clase, pois relaciónase coa crítica ao cosmopolitismo ilustrado, entendido como crítica ás clases ricas e á implantación do capitalismo mercantilista a escala mundial. Para Rousseau, se a soberanía quere ser democrática só pode ter un carácter nacional, é dicir, debe estar vinculada ás condicións e necesidades do pobo e en particular ás das clases subalternas. Será a revolución francesa, no período xacobino, a que represente con máis pureza o concepto de soberanía democrática e popular asociado á defensa, por todos os medios, da nación entendida como interese do pobo e por conseguinte das clases subalternas, tanto contra os inimigos de clase internos como contra os exteriores, representados polas monarquías absolutas.

A loita pola soberanía democrática e popular

 Coa derrota dos xacobinos e doutros intentos aínda máis radicais, como o protocomunista da Conspiración dos Iguais, afiánzase a posición das elites burguesas. A historia do século XIX en Europa é a historia dos intentos de instaurar a soberanía democrática, pero entendida de dous xeitos distintos. A burguesía hexemoniza ou tenta hexemonizar esta loita aliándose coas forzas obreiras e aproveitando os movementos de unidade nacional para implantar formas democráticas elitistas baseadas en sistemas electorais rixidamente censitarios, e así asociar o exercicio do poder político ao poder económico que xa ten desde hai tempo. En realidade é só unha pequena porción do «pobo» a que exerce a soberanía democrática, a porción máis rica e podente. En 1869-1873 só unha media do 17,8% da poboación europea occidental con máis de 20 anos tiña dereito ao voto; apenas un 14,9% no Reino Unido, patria da democracia, e o 3,5% en Italia. As clases subalternas, e sobre todo o nacente movemento socialista, son cada vez máis conscientes de que o único xeito de lograr que exista plena soberanía democrática é a conquista do sufraxio universal. Nalgúns sectores do movemento socialista enténdese esta conquista como previa á conquista do poder estatal para cambiar as relacións de produción. A república democrática burguesa, como resume Engels, é á vez a forma máis pura e funcional de soberanía estatal en que se expresa o poder do capital e «a única forma de Estado que permite emprender a batalla decisiva entre burguesía e proletariado».

 A loita pola soberanía democrática e popular alcanza o seu punto culminante coa revolución de outubro de 1917. Esta revolución marca un fito, ao identificar a soberanía popular coa conquista e xestión do poder político pola clase traballadora. A devandita soberanía debería coincidir, como escribe Lenin n’O Estado e a revolución, coa demolición da maquinaria estatal e a súa reconstrución sobre outras bases, é dicir, coa participación dos traballadores na xestión do propio Estado. A máxima ampliación do concepto de soberanía democrática e popular queda resumida na famosa frase de Lenin sobre o Estado e a cociñeira:

Non somos utópicos. Sabemos que calquera peón ou cociñeira non son capaces de participar inmediatamente na administración do Estado(…). Pero esiximos que se rompa de inmediato co prexuízo de que só uns funcionarios ricos ou de familias ricas poden gobernar o Estado, desempeñar o traballo corrente, diario, de administración. Esiximos que os obreiros e os soldados conscientes aprendan a administración do Estado e que esta formación comece xa; noutras palabras, é hora de facer que todos os traballadores, todos os pobres, participen na devandita formación.

 Mais a etapa histórica en que se implanta o primeiro Estado obreiro da historia é tamén a etapa da crise estrutural do capitalismo, a acentuación da tendencia ao expansionismo imperialista e a guerra mundial entre imperios nacionais. Nestas condicións de urxencia continua, a soberanía democrática restrínxese cada vez máis e o poder económico concéntrase nunhas poucas mans, é dicir, nas grandes empresas monopolistas, até a eliminación da forma estatal liberaldemócrata, substituída nalgúns países polo fascismo.

 Ao remate da Segunda Guerra Mundial a participación da Unión Soviética e os partidos de esquerda, demócratas radicais, socialistas e sobre todo comunistas, foi decisiva para a derrota do nazifascismo. En efecto, os partidos comunistas desempeñaron un papel determinante na primeira posguerra, sobre todo en Francia, onde o PCF foi durante algún tempo o partido máis importante, e en Italia, onde o PCI non tardou en ser a segunda forza política, posición que mantivo durante décadas. Por conseguinte, as relacións de forza entre as clases sociais que xurdiron da guerra foron favorábeis á clase traballadora en toda Europa. As constitucións antifascistas reflicten estas relacións de forza e asumen unha mediación pluralista entre as forzas políticas e os intereses de clase que representan. Por algo J. P. Morgan, en 2013, sostivo que eran incompatibles coa UEM. Aínda que deixan a salvo o predominio das relacións de produción capitalistas, aos poucos amplíanse a presenza estatal na economía e a área de produción de servizos públicos fose do mercado. Aínda que a clase dominante posúe o poder político, é un poder limitado polo carácter democrático e popular da soberanía, que en Italia ten a súa expresión na forma parlamentaria de goberno e no sistema electoral proporcional, no seo do cal operan os partidos organizados e de masas dos traballadores. Mais non tardan en aplicarse medidas que tenden a limitar a soberanía democrática, como sucede en Francia onde, ademais da elección directa do presidente da república, se implantan sistemas electorais maioritarios que poñen couto á forza electoral do PCF.

Europa como instrumento da loita contra a soberanía democrática e popular

 Pero é a integración europea a que, xa desde antes do cesamento das hostilidades bélicas, se considera o mellor antídoto contra as relacións de forza favorábeis á clase traballadora e sobre todo ao auxe das forzas comunistas. Esta intención apréciase claramente mesmo no Manifesto de Ventotene de Altiero Spinelli, Ursula Hirschman, Eugenio Colorni e Ernesto Rossi, que se considera o punto de referencia do europeísmo de esquerdas: «Unha situación na que os comunistas fosen a forza política dominante non supoñería un desenvolvemento en sentido revolucionario, senón o fracaso da renovación europea». O Manifesto de Ventotene está baseado nas ideas económicas de Alfred Hirschman, irmán de Ursula e cuñado de Eugenio Colorni. Hirschman era un xudeu alemán que emigrou a EUA, onde chegou a ser un alto funcionario da FED. Ao seu ver, o nazismo é froito da política de potencia baseada na expansión comercial exterior, baseada á súa vez na soberanía económica nacional. Xa que logo, a solución é eliminar a soberanía nacional, substituíndoa pola Europa do comercio libre. Era unha idea coherente cos obxectivos de reconstrución do mercado mundial e inclusión de Europa no sistema de relacións dominado por Estados Unidos, e non en balde oposto a calquera intento de abolir a propiedade privada e estatizar a economía, aos que define, respectivamente, como «principio totalmente doutrinario» e «primeira forma utópica» das loitas obreiras, destinadas inevitabelmente a dexenerar nun sistema opresivo burocrático.

Soberanía e Estado en época do euro

 Mais o manifesto, en realidade, propón unha solución errada a un problema errado, porque se refire a unha situación xa vella, eliminada xustamente pola guerra. A forma de capitalismo que emerxe da Segunda Guerra Mundial e recibe o impulso da reorganización estadounidense da acumulación mundial xa non é a autárquica dos imperios nacionais pechados dos anos trinta e corenta. Ao remate da Segunda Guerra Mundial renóvase a expansión do mercado mundial, tras a interrupción causada polas dúas guerras mundiais do século XX. Durante toda unha etapa do capitalismo, a acumulación das empresas, mesmo das que xa eran multinacionais, produciuse sobre todo a nivel doméstico. A partir de finais dos oitenta, en troca, a acumulación lévase a cabo mediante economías de escala e cadeas do valor a nivel global. De todos os xeitos, aínda que quixésemos dar por boa a tese de Hirschman malia o seu desfase, a potencia que era albo da súa crítica, Alemaña, é xustamente a que reafirmou a súa hexemonía, aínda que esta vez fíxoo eliminando a soberanía económica nacional a nivel europeo. Paradoxalmente, a integración europea, ao fomentar o modelo neomercantilista alemán baseado nas exportacións, acabou consolidando a política de potencia mediante o comercio exterior, xusto o contrario do que quería Hirschman.

 A loita contra as relacións de forza e políticas establecidas na posguerra relaciónase estreitamente coa defensa da alianza con Estados Unidos e xa que logo coa OTAN. Joseph Retinger, fundador do Movemento Europeo, promotor da Unión Europea, foi tamén o inspirador do Grupo Bilderberg, organización das elites atlánticas (Estados Unidos, Canadá e Europa Occidental), que os medios sensacionalistas adoitan presentar como un simple grupo conspirativo. Pero o Bilderberg é máis que iso, pois trátase dunha organización que engloba a algúns representantes destacados do capitalismo transnacional, responsábeis políticos (sobre todo xefes de estado e de goberno e ministros económicos), directivos de grupos industriais multinacionais e institucións financeiras, a máis diso intelectuais das universidades privadas e «laboratorios de ideas» vinculados a corporacións, para dar orientacións que permitan afrontar, desde o seu punto de vista, problemas de importancia vital.

 O informe da conferencia do Bilderberg celebrada en Buxton en 1958, revelado por Wikileaks, demostra que xa daquela os mecanismos aplicados despois pola UEM eran o obxectivo político das elites económicas do momento. Por Italia participaron na conferencia, entre outros, Gianni Agnelli, Alberto Pirelli e Guido Carli; este último sería un dos pais do euro.

 Un dos maiores obstáculos con que tropeza a Comunidade Económica Europea é o da coordinación das políticas monetarias. (…) Como puntualizou un dos participantes, a integración dos Seis require coordinación en todos os eidos das políticas económicas. Esta é, mírese como se mire, a maior debilidade do Tratado. A política monetaria está estreitamente relacionada cos orzamentos nacionais, e a disciplina orzamentaria é notoriamente difícil de alcanzar. Os ministros de Facenda adoitan ser máis razoábeis e en ocasións poderían aceptar presións externas, pero é moito máis difícil convencer os parlamentos nacionais. O que fala dubida de que a longo prazo poida resolverse o problema sen un mecanismo institucional apropiado. Outro participante tamén aborda este aspecto e propón unha moeda común como solución definitiva.

 Fica claro, pois, que se trata de modificar a relación entre os poderes do Estado, sorteando o poder dos parlamentos e favorecendo o dos executivos. Porque mentres os primeiros, mediante o sufraxio universal, expresan os intereses do «pobo» e, xa que logo, aínda que con limitacións, tamén os das clases subalternas, a formación e a acción dos segundos fainos máis permeábeis aos intereses das elites capitalistas. O que está en xogo, en substancia, é a gobernabilidade ou máis ben da súa falta, asunto que foi o leitmotiv do debate político italiano desde finais dos anos setenta até os noventa, centrado na crítica á Primeira República. Tamén é un asunto central na formulación da Trilateral, organización «filla» do Bilderberg fundada en 1973 por personaxes do calibre de Gianni Agnelli, David Rockefeller e Henri Kissinger. Para entender mellor o que segue, lembremos que estamos nunha época (a comprendida entre finais dos anos sesenta e mediados dos setenta) en que os movementos sociais e xuvenís están á ofensiva en todos os países avanzados. En 1975 a Trilateral celebrou a súa conferencia anual en Toquio. Michel Crozier por Europa e Samuel Huntington, futuro teórico do choque de civilizacións, por Estados Unidos, redactaron o documento introdutorio de significativo título Crise da democracia.

 A democracia está en crise -dise neste documento- porque hai un «exceso de democracia»: as clases populares conquistaron un poder excesivo e as súas demandas, cada vez maiores, disparan o gasto público. Faise necesario, xa que logo, reducir a democracia e a participación na vida política das clases subalternas, para as que se propón unha sa apatía política, traducida en abstención de votar:

 A democracia só é un dos modos en que se establece a autoridade, e non ten por que ser un método aplicábel universalmente. (…) As esferas en que os procedementos democráticos funcionan ben son limitadas. (…) O funcionamento eficaz dun sistema político democrático require, polo xeral, certa dose de apatía e falta de compromiso de certos grupos.

 A edición italiana ten unha introdución de Gianni Agnelli sobre a gobernabilidade. Porque a solución para o exceso de democracia é a gobernabilidade, ou sexa, a preponderancia dos executivos sobre os parlamentos. Pero como levar a cabo «unha transformación do modo de goberno e o modo de control social» na situación europea, onde os mecanismos da soberanía democrática e popular son moito máis fortes que en Estados Unidos e onde a intervención pública na economía e na sociedade se reforzou, xustamente, entre os anos sesenta e setenta? A resposta de Crozier a esta pregunta é o proceso de unificación europeo e a redución do poder do Estado central:

 A interdependencia europea obriga as nacións europeas a afrontaren o imposíbel problema da unidade. Unha Europa unida foi durante moito tempo o ideal que permitiu manter o impulso para superar os modos de goberno obsoletos que prevalecen nos sistemas estatais nacionais. Pero os promotores da unificación europea dubidaron demasiado fronte ao grave obstáculo do poder do Estado central, que as crises actuais reforzaron, para que caiba esperar esta unificación nun futuro inmediato. Porén, a aposta por unha capacidade europea común segue sendo indispensábel non só para o progreso de Europa no seu conxunto, senón tamén para a capacidade de superar os seus propios problemas.

 Foi así como desde os anos oitenta o vínculo europeo foi un instrumento para aprobar medidas ás que as institucións nacionais non darían o seu visto e prace. Significativamente, varios anos despois da Conferencia de Tokio e como confirmación do que propoñía Crozier, Guido Carli, ministro de Comercio Exterior e sobre todo gobernador, durante quince anos, do Banco de Italia, expresaríase así: «A Unión Europea foi unha vía alternativa para a solución duns problemas que non lograbamos afrontar polas vías ordinarias do goberno e o parlamento».

 Mais foi coa introdución da moeda única que a soberanía democrática e popular quedou fortemente restrinxida, até reducirse á mínima expresión e desaparecer. O mecanismo institucional creado, a moeda única e o Banco Central Europeo, furta o control da política monetaria aos Estados e obrígaos a unha disciplina orzamentaria os límites da cal están establecidos nos tratados europeos. Nestas condicións e ante semellante ferrollo, os parlamentos quedaron de feito desposuídos de gran parte dos seus poderes. Aínda por riba, a obriga do equilibrio orzamentario introduciuse na constitución italiana co artigo 81, que, de feito, está en contradición flagrante con outras partes da carta magna.

 Un aspecto que confirma até que punto o euro é, sobre todo, un proxecto político e como tal a concreción do plan urdido pola Trilateral para lograr a gobernabilidade é o papel preponderante dos executivos nacionais nos mecanismos de gobernanza europea. Nas institucións europeas a función decisiva corresponde ao Consello Europeo, formado polos xefes de goberno e de Estado da UE, que define as orientacións xerais e as prioridades políticas da Unión, decide a política exterior e nomea e elixe os candidatos a cargos de alto nivel, como os da Comisión Europea e o Banco Central Europeo. O Consello da Unión Europea, en troca, é a sede onde debaten os ministros dos gobernos nacionais competentes no asunto que está en discusión. O proceso lexislativo pon de manifesto a centralidade do executivo europeo, a Comisión Europea (os membros da cal son nomeados polo Consello Europeo), que prepara as proposicións de lei. Leis que se tramitan no Consello da Unión Europea e o Parlamento Europeo, este último cunhas funcións moito máis limitadas, xa que logo, que calquera parlamento nacional: non propón leis, limítase a aprobalas. Ademais comparte co Consello a súa facultade de aprobar o orzamento da UE. Unha UE que, de feito, é sobre todo unha organización intergobernamental e depende das relacións de forza que se establecen entre os executivos nacionais, que representan os intereses da elite capitalista internacionalizada.

 As funcións económicas que se delegan son as referentes á política monetaria e a política orzamentaria e xa que logo económica que, segundo os tratados, é competencia da UE. En realidade, dadas as condicións de falta de autonomía orzamentaria e monetaria, un país non pode desenvolver unha auténtica política industrial independente. En esencia, as funcións delegadas ás institucións europeas permiten eliminar xustamente ese exceso de democracia que as elites europeas sinalaban como un perigo para a gobernabilidade e para o control orzamentario e da política económica, evitando así influencias democráticas inconvenientes. Neste sentido a UE é unha gaiola que obriga os gobernos, no caso de que tomasen iniciativas contrarias aos tratados, a respectar a súa esencia.

 Fronte á delegación destas funcións económicas, hai outras funcións, decisivas para a caracterización dun Estado como tal, que non se delegan a escala europea senón que, como moito, se coordinan dun xeito case sempre pouco eficaz e limitado. Refírome, en particular, ás funcións de exercicio da forza e á política exterior, elementos fundamentais da soberanía nacional. Malia algunhas formas embrionarias nas forzas armadas, cun valor máis que nada propagandístico, e malia algunhas posicións a nivel da UE sobre a política internacional, os Estados nacionais manteñen a súa actuación no campo militar, diplomático e de intelixencia dentro de estritos límites de autonomía. Proba diso é o caso de Francia, moi autónoma na súa activismo recente, sobre todo militar en Libia e o África subsahariana, e sobre todo diplomático fronte a Rusia e Estados Unidos.

 Ao meu ver, unha unión estatal europea completa non é nada conveniente, porque estaría sometida ao gran capital europeo e desembocaría nun superestado imperialista. Pero é unha posibilidade moi improbábel, porque a construción europea obedece a outros obxectivos, internos e de clase, dos Estados europeos. A UEM non supón a fin do Estado nacional, que mesmo reforza algunhas das súas funcións, senón, se acaso, a súa modulación. É o instrumento para resolver definitivamente, en beneficio das elites capitalistas, o problema da soberanía democrática, e xa que logo para volver definir ao seu favor, dunha vez por todas, as relacións políticas de clase. Esta condición é necesaria para reorganizar a acumulación capitalista, que leva xa tempo nunha fase estrutural de crise «secular» debido ao exceso de acumulación de capital e ten que lidar cun mercado capitalista mundial cada vez máis competitivo.

 A saída da UEM e a UE non é ningún factor de regresión histórica, como pensan os que confunden o terreo da UE co terreo progresista da construción do internacionalismo e a fin do nacionalismo. É a Unión Europea a que representa a maior regresión histórica desde a época da Restauración. O concepto de soberanía dá un salto atrás, salta dous séculos de historia e sitúase nas democracias censitarias, dominadas polas elites económicas, ou mesmo directamente no ancien régime, cunha volta á época da soberanía absoluta. Unha soberanía absoluta que se zafa do control popular grazas aos mecanismos do mercado, en aparencia automáticos, e á preponderancia dos executivos nacionais, elixidos frecuentemente con sistemas fortemente maioritarios.

 

[Artigo tirado do sitio web El Viejo Topo, outubro de 2018]