Só dous traballadores, sen a maquinaria adecuada, se ocupan do mantemento da maior área verde da Coruña

O persoal non descarta iniciar medidas de presión e mesmo convocar folga antes do verán

A Coruña -

A Federación de Construción e Madeira da CIG da Coruña vén de denunciar a situación laboral e social na que se atopan os traballadores do servizo de mantemento do parque de Bens, desbordados pola carga de traballo, a ausencia de maquinaria adecuada e a falta de instalacións. O servizo, adxudicado a Althenia SL, está nestes momentos atendido por só dúas persoas -cando adoitaban estar operativos catro empregados-, "que se encargan do mantemento dunha superficie de 600.000 m2. E hai momentos nos que incluso só queda un traballador, pois empresa e Concello non substitúen nin as baixas, nin as vacantes do persoal".

O problema do persoal deste servizo, explica Mario Maceiras, secretario da FCM-CIG da Coruña, vén de vello, mais agravouse coa entrada de Althenia SL, que o pasado ano se fixo coa concesión da practica totalidade dos xardíns da Coruña. "A interlocución cos traballadores foise degradando até estar nestes momentos practicamente rota. Deste xeito, os traballadores vense obrigados a día de hoxe a manter o parque máis grande da Coruña sen dispoñer de vestiarios, duchas ou aseos, véndose literalmente obrigados a cagar a intemperie e á vista das visitas", denuncia.

Isto cobra especial gravidade se temos en conta que ao mesmo tempo o Concello da Coruña está habilitando zona de xogos e baño para cans, "co que os traballadores se senten peor considerados que animais". Para paliar estas carencias, por parte da CIG solicitouse á Concellaría de Medioambiente, responsábel deste espazo, a habilitación dunha caseta de madeira que xa está colocada no parque e non ten uso.

Riscos nos traballos

Por outra banda, durante a súa xornada, estra traballadores deben realizar o mantemento de zonas con fortes pendentes, sen dispor da maquinaria adecuada para tal cometido e provocándolle graves riscos para a súa vida, ao existir enormes probabilidades de que a maquinaria envorque. "O máis rechamante é que Althenia dispón da maquinaria moito mellor, pero tena destinada en zonas urbanas nas que non existen riscos", subliña o responsábel comarcal da FCM.

Hai varios meses que a CIG puxo esta situación en coñecemento da empresa, do Goberno municipal e da Inspección de Traballo. Por parte da dirección, engade Maceiras, "a única resposta que achegaron foi enviar ao persoal a cambiarse ao Parque de San Pedro, cando esas instalacións resultan insuficientes para o persoal destinado a este parque, tal e como acreditou a Inspección".

Desde entón, houbo varios intentos de negociar coa empresa que resultaron infrutuosos, malia a vontade dos traballadores de chegar a un acordo. De igual xeito, por parte do Concello tampouco se adoptaron medidas a este respecto e os traballadores "séntense ignorados e desprezados por parte do Goberno, xa que cando visitan este parque nin se dirixen a eles. Algo que resulta incríbel cando só dous traballadores con salario de peón especialista da construción son quen se ocupan, sen axuda material e humana, do maior espazo verde da Coruña".

Diante desta situación, se non se ofrecen solucións razoábeis por parte da empresa e o Concello, o persoal non descarta iniciar medidas de presión e mesmo convocar folga antes do verán.

Volver