Sindicatos europeos piden a institucións e gobernos rexeitar a definición de antisemitismo da IHRA

A súa redacción suxire que criticar a Israel por vulnerar os dereitos do pobo palestino sería antisemita

Internacional -

A Iniciativa Sindical Europea "Xustiza para Palestina", da que a CIG forma parte, vén de emitir unha declaración a respecto da definición que a Alianza Internacional para a Lembranza do Holocausto (IHRA nas súas siglas en inglés) fixo do concepto "antisemitismo" e a súa asunción por parte das institucións e gobernos europeos.

A plataforma sindical entende que o documento elaborado pola IHRA supón unha traba á liberdade de expresión e nega os dereitos do pobo palestino, pois os exemplos que acompañan a definición suxiren que a crítica ao Estado de Israel polas políticas que violan os dereitos fundamentais do pobo palestino, incluída a discriminación racial, os asentamentos ilegais e a anexión do territorio palestino ocupado, sería antisemita.

A seguir reproducimos o comunicado da Iniciativa Sindical Europea "Xustiza para Palestina".

Declaración sobre a definición de antisemitismo da Alianza Internacional para a Lembranza do Holocausto (IHRA) polos sindicatos europeos

Como sindicalistas, actuamos no espírito do internacionalismo obreiro na defensa dos dereitos humanos, a igualdade e a xustiza. Con base nestes compromisos de principio, denunciamos inequivocamente todas as formas de racismo e cremos firmemente e defendemos o dereito á liberdade de expresión como un aspecto central e fundamental das democracias reais.

Os gobernos occidentais están introducindo modificacións lexislativas antidemocráticas que intentan prohibir a crítica lexítima a Israel polas súas graves violacións dos dereitos humanos"

Observamos con profunda preocupación o xeito no que, diante da proposta de Israel, os gobernos occidentais están introducindo modificacións lexislativas antidemocráticas que intentan prohibir a crítica lexítima a Israel polas súas graves violacións dos dereitos humanos. Tales políticas non só restrinxen o dereito á liberdade de expresión, senón que negan o dereito da cidadanía palestina, como persoas oprimidas, a criticar ao seu opresor e defender os seus dereitos.

Particularmente preocupante é o caso da promoción e implementación do traballo sobre a "Definición de Antisemitismo da Alianza Internacional pola Lembranza do Holocausto (IHRA en inglés)", da que forma parte o Estado español, por parte das institucións europeas e os gobernos europeos. Este documento foi obxecto de moita crítica e preocupación.

O documento do IHRA está composto por unha breve definición de antisemitismo de 40 palabras e unha lista de exemplos do que, argumentan os seus autores, pode constituír o antisemitismo. Algúns destes exemplos suxiren que a crítica ao Estado de Israel polas políticas que violan os dereitos fundamentais do pobo palestino, incluída a discriminación racial e os asentamentos ilegais e a anexión do territorio palestino ocupado, sería antisemita. O documento, polo tanto, suscita un grave risco para o dereito á liberdade de expresión, unindo a crítica lexítima das leis, a xurisprudencia e/ou as políticas de Israel co antisemitismo.

Criminalizar a solidariedade co pobo palestino

Hai pouco, unha ducia de organizacións da sociedade civil palestina emitiron unha carta chamando ao Partido Laborista británico a "rexeitar a definición de IHRA que afecta á defensa dos dereitos palestinos". Segundo a carta "de adoptar a definición IHRA (cos seus exemplos) non só demonizaríamos a nosa actual loita pola liberación e a autodeterminación; senón tamén suporía silenciar unha discusión pública sobre o ocorrido en Palestina e os palestinos en 1948", tal e como máis de 100 grupos de etnias negras, asiáticas e de etnias minoritarias (BAME) advertiron no Reino Unido.

Outras 40 organizacións xudías de todo o mundo publicaron unha carta, a mediados de xullo, facendo un chamado aos gobernos a absterse de adoptar a definición de antisemitismo do IHRA porque "está redactada de maneira que os gobernos occidentais poidan aprobar ou relacionar facilmente a crítica lexítima a Israel e a defensa dos dereitos palestinos co antisemitismo, como medio para suprimir o primeiro".

A definición do IHRA, en vez de proporcionar un marco para loitar contra o antisemitismo, é unha ferramenta para criminalizar o movemento de solidariedade palestina"

Por outra banda, hai unha forte evidencia de que a definición sobre antisemitismo do traballo do IHRA xa se está a empregar na práctica para restrinxir, proscribir e criminalizar as devanditas críticas e esforzos pacíficos para o respecto dos dereitos humanos en Palestina por parte de Israel, como se explica na folla informativa publicada pola Coordinadora Europea de Comités e Asociacións para Palestina (ECCP).

Kenneth Stern, a autora do traballo, recalcou en repetidas ocasións que a definición era só para o seguimento e recollida de datos sobre o antisemitismo e oponse fortemente ao uso desa definición para o control doméstico da liberdade de expresión.

Apoiar os dereitos palestinos e procurar que Israel se responsabilice das flagrantes violacións cometidas contra o pobo palestino é unha responsabilidade moral e ética que debe ser promovida e protexida por todos e cada un dos chamados estados ou institucións democráticas.

A definición antisemita do traballo do IHRA e os exemplos que a acompañan, en vez de proporcionar un marco para loitar contra o antisemitismo, son unha ferramenta para criminalizar o movemento de solidariedade palestina. A adopción desta definición agrava a inxustiza a longo prazo feita ás xentes nativas de Palestina, silencia as narrativas palestinas e contribúe ao mantemento do réxime israelí de apartheid, o asentamento dos colonos e a ocupación ilegal.

Peticións aos gobernos:

Os sindicatos europeos comprometidos cos principios dos dereitos humanos, o internacionalismo e os valores democráticos, pedimos a gobernos e institucións:

Rexeitar a definición de antisemitismo do IHRA polo seu impacto negativo na loita palestina por liberdade, xustiza e igualdade.
Defender e protexer o dereito á liberdade de expresión e á solidariedade internacional, incluído o dereito de criticar as políticas racistas e discriminatorias israelís, o que podería supor un crime de apartheid contra o pobo palestino.
Defender os dereitos recoñecidos pola ONU do pobo palestino, incluído o dereito á autodeterminación.
Tomar medidas eficaces para esixir a Israel as responsabilidades polas súas flagrantes violacións do dereito internacional.

Subscriben o comunicado as seguintes organizacións sindicais:

University and College Union (UK); Union Syndicale Solidaires (Francia); ACOD Cultuur – Union for Cultural Workers (Bélxica); Communications Workers Union of Ireland (Irlanda); Mandate Trade Union (Irlanda); Belfast & District Trades Union Council (Irlanda): Derry Trades Union Council (Irlanda, UK); Fagforbundet (Noruega); CGT Catalunya (Catalunya); ELA (Euskadi); LAB (Euskadi); CIG (Galiza); IAC (Catalunya).

Volver