Sindicatos e comisión de auxiliares de Navantia acordan continuar coas mobilizacións para que se cumpra o convenio do metal

Ferrol - 14 Nov 2023

As centrais sindicais con representación nos estaleiros da Ría de Ferrol e a Comisión da Industria Auxiliar de Navantia Fene e Ferrol proseguirán coas mobilizacións para reclamar o cumprimento do convenio colectivo de siderometal e que se abonen os pluses recollidos para o persoal das auxiliares que desenvolve o seu traballo dentro dos estaleiros.

Así se decidiu tras a resposta da asociación de empresarios do naval público da Ría de Ferrol na que comunican que, ao seu entender, a aclaración solicitada polas centrais sindicais con respecto á disposición adicional segunda do convenio de siderometal da Coruña suporía unha modificación do marco regulador que, polo tanto, se debe abodar na mesa de negociación do convenio.

Cómpre lembrar que a parte social, ante a existencia de dúas táboas salariais e a pasividade de Navantia, se dirixiu a esta patronal para esclarecer de vez que actividades e empresas teñen que pagar por aceiros e cales deben estar encadradas en servizos. "Non queremos modificar o convenio, senón determinar que actividade se corresponde a cada táboa para así rematar coa conflitividade permanente polo incumprimento do convenio, a inseguridade do persoal en canto ao salario que lle corresponde e evitar as triquiñuelas das propias empresas á hora de competir polos contratos de Navantia", apunta Vicente Vidal, secretario da CIG-Industria de Ferrol.

Sinala que unha das principais discrepancias deriva de encadrar os traballos de habilitación de buques, "que deberían estar en aceiros, pero queren pagar esta actividade por servizos, o que supón que os traballadores/as cobran menos".

Neste senso, Vidal avanza que as federacións dos sindicatos e a Comisión da Industria Auxiliar continuará coas accións reivindicativas e emprendendo as medidas que sexan precisas para garantir o cumprimento do recollido na disposición adicional segunda e que se respecten os dereitos económicos do persoal das auxiliares, que tanto esforzo lles custou conquistar.