Segunda xornada de paros en Valoriza Auga

A Coruña - 04 Out 2018

Na segunda xornada de paros parciais para esixir un convenio digno, os traballadores de Valoriza Auga trasladaron as súas protestas até o Concello da Coruña, onde nun encontro informal e breve ás portas de María Pita, fixéronlle entrega ao alcalde dun escrito informando do bloqueo patronal da negociación colectiva e solicitándolle a Xulio Ferreiro a súa implicación na resolución do conflito.

"Díxonos que lle consta que EMALCSA está presionando a concesionaria, pero gustaríanos que iso non se quedase só en boas palabras, senón en feitos, porque até o momento non hai ningún avance nas negociacións do convenio e todo apunta a que o conflito vai ir á máis", advertiu o secretario comarcal da CIG da Coruña, Xabier Filgueira.

Neste senso, sinalou que o  vindeiro luns, 8 de outubro, está prevista unha reunión co director de EMALCSA, mais, á espera do resultado dese encontro, os traballadores continuarán cos paros parciais e as mobilizacións o mércores 10 e o xoves 11 de outubro.

Cómpre lembrar que os traballadores de Valoriza Auga levan oito anos cos salarios e as condicións laborais conxeladas, a pesar de que nese tempo a empresa obtivo beneficios grazas á suba do prezo/hora que cobra pola prestación do servizo. Ademais, a concesionaria nin sequera cumpre co establecido nos pregos de condicións, xa que os soldos do persoal son un 20% máis baixos que os publicados nos pregos.