Segunda xornada de folga en Masol Iberia Biofuel

- 22 Feb 2018

Segunda xornada de folga na planta de Masol Iberia Biofuel, logo de que na reunión celebrada onte coa empresa non se produciran avances substanciais que permitan a desconvocatoria das medidas de presión acordadas. Deste xeito, o paros laborais (que se desenvolven de 12 a 16 horas) volverán repetirse os días 26 de febreiro e o 2 de marzo.

Na xuntanza de onte, explica Alberte Amado, da CIG-Industria de Ferrol, fixéronse algunhas concrecións sobre as propostas presentadas pero non se avanzou significativamente nas negociacións para lograr melloras que permitan equiparar as condicións laborais e salariais do persoal de Ferrol coas que xa teñen os traballadores e traballadoras doutras plantas da empresa no Estado español.

A representación social lembra que existen enormes diferenzas salariais entre o persoal da planta de Ferrol e o que opera en Cartagena ou Castellón que poden acadar mesmo os 500 euros, incluso tendo a mesma categoría e atribucións.