Seguimento total no primeiro día de folga no Grupo Deus

Para rexeitar o ERE de extinción que afectará a 103 traballadoras e esixir o cobro dos salarios adebedados

Ordes -

O 100% das traballadoras do Grupo Deus están a secundar a primeira xornada de folga convocada na empresa en rexeitamento ao ERE de extinción para 103 empregadas e para esixir o cobro dos salarios adebedados. Para visibilizar a súa loita, as traballadoras permanecen concentradas dende primeira hora da mañá diante da fábrica do grupo no Polígono Industrial de Ordes.

As folguistas levan unha faixa e cartaces alusivos á falta de pago dos seus salarios (neste momento teñen pendente de cobrar cinco mensualidades), aos 103 despedimentos formulados no ERE ou ao plan de viabilidade presentado pola empresa téxtil.

A este respecto, Dores Martínez, Secretaria Nacional da FGAMT-CIG, subliñou que existe un rexeitamento total ao plan de pagos das nóminas proposto pola dirección, posto que contempla comezar a abonar un 5% dos salarios adebedados a partir do mes de novembro.

"A proposta parécenos unha burla, un acto de prepotencia e unha chulería por parte da empresa", aseverou Martínez, quen engadiu que as traballadoras non están dispostas a ter que agardar oito meses para poder comezar a percibir o que lexitimamente lles corresponde.

Do mesmo xeito, o persoal tampouco vai aceptar que a empresa pospoña en tempo indefinido o pago das indemnizacións que correspondan polos despedimentos do ERE. Unha actitude que consideran outro desprezo por parte da dirección.

Así as cousas, as traballadoras continuarán coa folga o mércores, o xoves e o venres. Ademais, para mañá, 8 de marzo, teñen previsto realizar unha marcha a pé, que sairá ás 11:00 horas das instalacións da empresa no Polígono Industrial e rematará na Alameda de Ordes.

Volver