Seguimento total e xantar reivindicativo na 2ª xornada de folga en Leche Celta

O paro laboral (en horario de 12 a 16 horas) repetirase tamén o martes

Pontedeume -

O 100% dos traballadores e as traballadoras de Leche Celta SLU están secundando este luns a segunda xornada de folga convocada nas fábrica de Pontedeume contra a parálise patronal na negociación do convenio de empresa. Nesta ocasión, o persoal, ademais de concentrarse diante das instalacións, ten organizado un xantar reivindicativo no que non faltan nin unhas boas empanadas nin a música para animar o ambiente.

Así, con bo humor e nun ambiente lúdico-reivindicativo, o persoal continúa co calendario de mobilizacións iniciado a pasada semana para esixir a empresa que avance na negociación do convenio propio, xa que logo de meses de reunións chegouse a un punto morto "porque a empresa, de xeito sistemático, presenta propostas salariais ridículas".

Neste senso, Francisco Cartelle, secretario confederal de Emprego da CIG, reitera que dignificar os salarios é unha das cuestións fundamentais para esta negociación, posto que o 70% do persoal cobra arredor dos 1.000 euros, e "mentres o custe salarial destinado ás retribucións da alta dirección se incrementou nun 3.5%, os custes salariais do cadro de persoal descenderon un 0.4%"

O paro laboral realízase de 12 a 16 horas e, ante a falta de movementos por parte da empresa, continuará na xornada de mañá no mesmo horario. Así mesmo, de non producírense avances, a semana que vén haberá tres xornadas de folga que se irán incrementando sucesivamente até o 2 de decembro.

Volver