Seguimento total da folga contra o ERE de extinción e a precarización en Isidro 1952

O paro, con carácter indefinido, afecta aos seis centros de traballo da empresa
Cambre - 09 Xan 2020

Practicamente o 100% do persoal de Isidro 1952 está secundando a folga convocada na empresa para demandar a paralización do ERE de extinción e á modificación substancial das condicións laborais e salariais que a dirección pretende aplicar. Ademais, con esta medida de presión as traballadoras e os traballadores tamén esixen o cobro dos seus salarios, xa que teñen pendente de percibir parte da nómina de novembro e todo o soldo de decembro.

"A situación está cada vez máis deteriorada, hai escasas perspectivas de que vaiamos cobrar nos próximos días e a dirección négase a valorar calquera das propostas alternativas que lle trasladamos", explicaba a presidenta do comité, Olga Rodríguez (CIG), durante a concentración que o persoal realizou na fabrica que Isidro 1952 ten en Cambre e na que tamén participaron as compañeiras e compañeiros das piscifactorías e criadeiros. "Din que non hai cartos, pero onte nos enteramos que entrou mercadoría na fábrica por valor de 30.000 euros, que non sabemos de onde saíron", apuntou.

En canto á modificación substancial, Rodríguez alertou das condicións precarias que a dirección quere implantar, con salarios de miseria rebaixados até o mínimo recollido nos convenios de aplicación (o que nalgúns casos suporía percibir até 300 euros mensuais menos) e uns ritmos e cargas de traballo imposíbeis de realizar. "Nestas condicións é impensábel chegar a un entendemento, polo que o período de negociacións rematou sen acordo. E outro tanto pasará co período de consultas do ERE, que acaba o día 23".

En concurso a partir do día 12

A presidenta do comité lembra que a dirección de Isidro 1952 formulou o despedimento colectivo e o recorte nas condicións laborais e salariais estando en situación de preconcurso e que a partir do día 12 ten que solicitar xa o concurso de acredores. Deste xeito, a xestión da compañía pasará a ser responsabilidade da administración nomeada polo xulgado do mercantil, polo que Rodríguez insistiu en demandarlle á dirección que paralice un ERE e unha modificación substancial "que non vai ter capacidade de aplicar e que nos presentou sen comunicarnos que xa estaba en preconcurso".

Neste senso, criticou a mala fe coa que está a actuar a dirección e entende que a súa intención era aproveitar o preconcurso para desfacerse de persoal e recortar salarios e dereitos na expectativa de que apareza algún inversor. Rodríguez cualificou de "fraudulento" o ERE de extinción para 136 dos/as 225 traballadores/as, xa que a empresa mesmo incluíu na lista de afectados/as a persoas retiradas, con contratos temporais ou que xa non están na compañía, polo que adiantou que se a actual propiedade executa o expediente "denunciarémolo de inmediato no xulgado".

Diante destas malas perspectivas, cunha nefasta xestión empresarial e cunha débeda que ascende aos 78 millóns de euros, o persoal acordou iniciar folga indefinida este xoves nos seis centros de traballo de Isidro 1952 e mañá, venres, volverán repetir mobilización diante da factoría de Cambre.

Problemas nos criadeiros e piscifactorías

Dende o comité tamén se alertou da situación que se vive nos criadeiros e piscifactorías, especialmente no caso das troitas, xa que, segundo as informacións trasladadas á representación social, non se está alimentando de xeito adecuado aos alevíns, polo que xa houbo mortes. Esta situación foi posta en coñecemento da Xunta que enviou a inspección veterinaria a estes centros "pero aínda non coñecemos o resultado destas visitas".

Dende a CIG da Coruña pídese a implicación da Xunta de Galiza "ao máis alto nivel" para frear as pretensións da empresa e garantir o mantemento dos postos de traballo e a continuidade da actividade produtiva, "porque a comarca da Coruña non se pode permitir perder un centro de traballo da magnitude de Isidro 1952, cando é referencia nun sector estratéxico para Galiza como o da transformación e a distribución de produtos do mar, e logo de ter recibido millonarias axudas públicas nos últimos anos".