Seguimento masivo da segunda xornada da folga indefinida na xustiza

CIG-Xustiza denuncia a nula vontade negociadora da Consellaría
Nacional - 08 Feb 2018

A segunda xornada de folga indefinida na administración de Xustiza está a ser un éxito e nalgunhas cidades, como Ourense e Lugo, mesmo se supera o seguimento acadado no día de onte. Dende CIG-Xustiza valórase de xeito moi positivo a resposta que as traballadoras e traballadores de Galiza están dando á convocatoria e que amosa "que están fartas e fartos" dos desprezos da Consellaría.

Por cidades, o seguimento é masivo en Pontevedra e Vigo, onde se rexistra un paro do 95%, seguido de Ourense, co 94.4%, Santiago (88%), Lugo (87%), Ferrol (83%) e A Coruña (81%). Ademais, calcúlase que foron suspendidas máis de 600 vistas en todo o país xa que só se cobren os servizos mínimos.

Sen noticias da Consellaría

A pesares do éxito indiscutíbel da folga e das repercusións da mesma, dende CIG-Xustiza denuncian que a Consellaría non se ten dirixido aínda á representación do persoal para retomar as negociacións. "É un sen sentido a postura da Consellaría. Cando hai un conflito que se alonga no tempo o normal é tentar negociar até o último minuto. Pero neste caso, pasan de todo, nin sequera a patronal máis dura mantén unha actitude tan obstinada", critica o secretario do sector de Xustiza da CIG, Xesús H. Sánchez.

Lembra que dende o pasado día 31 "non recibimos ningunha chamada da Consellaría e non temos máis informacións que as que mandan a través dos medios de comunicación". Neste senso, Sánchez reiterou a vontade de diálogo da representación social, que até o momento non tivo resposta por parte da administración.

Colas nos rexistros

Dentro do calendario de mobilizacións previsto para dar visibilidade ao conflito, este xoves, o persoal acudiu en masa aos rexistros civís de varias cidades, nos que se formaron longas ringleiras que mantiveron o servizo colapsado. Ademais, tamén se realizaron concentracións diante dos xulgados.

Sánchez sinalou que, á vista da situación, o comité de folga xa está programando un novo calendario de mobilizacións a desenvolver na vindeira semana.