Seguimento masivo da folga convocada pola CIG nos centros de chamadas por uns convenios xustos

Unha concorrida manifestación percorreu as rúas de Vigo coincidindo coa protesta, mentres que no resto do país celebráronse concentracións
Vigo - 06 Out 2016
A terceira xornada de folga de 24 horas convocada pola CIG nos centros de chamadas para reclamar uns convenios colectivos xustos no sector volveu ter un seguimento masivo. Coincidindo coa mobilización -a primeira que se desenvolveu tamén no resto do Estado- celebrouse unha concorrida manifestación en Vigo e concentracións en Ourense e Lugo. No caso da Coruña, o protagonismo foi para a multitudinaria marcha contra o ERE en Extel-Telefónica realizada á tarde deste xoves.

(Galería de imaxes)

(Galería de imaxes da Coruña)

Unha vez máis, os teleoperadores/as galegos/as colgaron os cascos e saíron á rúa para demandar a fin dos contratos lixo, os baixos salarios e o remate das quendas que impiden a conciliación da vida laboral e familiar.

A folga, convocada pola CIG a nivel galego e polo resto de sindicatos presentes na mesa negociadora do convenio a nivel estatal, tivo novamente un seguimento masivo. Coincidindo coa xornada de protesta desenvolvéronse diferentes mobilizacións por todo o país.

En Vigo tivo lugar a maior mobilización polo convenio das celebradas no país. A convocatoria foi promovida pola CIG en solitario e consistiu nunha manifestación que partiu ás 12.00 horas das inmediación de Unísono, na Gran Vía, para rematar arredor das 13.00 diante de Bosch, na rúa María Berdiales. Na marcha participaron centos de persoas destas duas empresas, pero tamén doutras coma QSmedia. “Convenios aquí e non en Madrid”, “Aquí traballamos, aquí negociamos” ou “Convenio xusto, convenio galego” foron algunhas das consignas que máis se escoitaron durante o traxecto.

En Ourense tivo lugar unha concentración conxunta diante das porta da Confederación de Empresarios, na que participaron traballadores/as dos tres centros de chamadas da provincia.

En Lugo, o persoal acudiu ao chamamento conxunto realizado para concentrarse diante da empresa Abante BPO. Noutras empresas da provincia, onde a CIG aínda non ten presenza, a folga non tivo practicamente seguimento.

Na Coruña, a folga tamén para rexeitar o ERE de Extel

Na cidade da Coruña a xornada de folga tivo unha especial relevancia pola ameaza de despedimento de 205 traballadoras/as, a través do ERE de extinción presentado por Extel. Por esta razón, alén de demandar un convenio digno, todo o sector amosou a súa solidariedade co persoal desta empresa participando na manifestación que discorreu esta tarde pola rúas do centro da Coruña cun berro unánime: "este ERE ímolo parar".

Sobre o período de consultas do ERE, na última reunión celebrada, a CIG esixiu que sexa a propia Movistar-Telefónica quen xustifique as causas do expediente e explique a onde vai levar o traballo que até agora prestaba o persoal da plataforma de Extel na Coruña. "Non vale con que Extel diga que Telefónica non lle dá traballo, porque temos a certeza de que ese contrato ou vai para unha empresa da competencia ou vai para o estranxeiro", afirmaba Óscar Calvo, da CIG-Banca da Coruña.

Calvo trasladou o malestar da parte social tras coñecer que a empresa asinou un contrato con Correos, "pero asegurando que a compañía postal lles esixe que o servizo sexa prestado dende Madrid". Ante estas afirmacións, a CIG demandou á empresa que demostre por que o traballo ten que ser prestado en Madrid, cando a principal característica deste sector é que pode ser realizado dende calquera lugar. "Queremos saber por que non se utiliza o contrato con Correos para paliar a baixada de traballo na plataforma da Coruña", inquiriu o sindicalista.

Doutra banda, a representación da CIG entende que os criterios que baralla Extel para asignar os despedimentos son inxustos, xa que un dos criterios é a produtividade. "Isto prexudica gravemente as traballadoras e traballadores que están de baixa. E hai que ter en conta que na plataforma hai máis de 200 persoas de baixa médica (aproximadamente o 25% do cadro de persoal), a consecuencia da presión laboral que sofren", subliñou Óscar Calvo.

Neste senso, lembrou que a representación dos traballadores/as e as organizacións sindicais levan anos denunciando a presión e o acoso ao que é sometido sistematicamente o persoal dos centros de chamadas, sen que as empresas teñan adoptado medidas para corrixir esta situación.

En relación á negociación do convenio colectivo, Calvo apuntou que o ERE formulado por Extel resulta "consubstancial á propia precariedade do sector. Non se entenden os procesos de deslocalización sen un convenio altamente precario. Este conflito non é extraordinario, senón que está na propia xénese do sector, por iso hai que mellorar o convenio e dignificar as condicións laborais e salariais das traballadoras e traballadores dos centros de chamadas".

Finalmente, o representante sindical acusou a Telefónica de manter unha actitude "vergoñenta" pretendendo desmarcarse do conflito de Extel, cando é a propia multinacional quen xera a problemática. "Con total descaro, Telefónica asegura na prensa que conta con 100 teleoperadoras/es propias/os, cando só na cidade da Coruña ten máis de 1.500 teleoperadoras/es alleas/os". Miles de traballadoras e traballadoras en empresas ás que Telefónica subcontrata os seus servizos, e ás que "cando a multinacional quere, lle quita o traballo sen dar explicacións para levalo a outra parte onde considera que pode obter máis beneficios", censurou.