Seguimento maioritario na primeira xornada de folga no transporte en autobús da Coruña por un convenio digno
A primeira xornada de folga no servizo de transporte en autobús da provincia da Coruña está rexistrando un seguimento masivo entre o persoal que, para darlle máis visibilidade a súa reivindicación, tamén se concentrou durante a mañá na estación de Santiago de Compostela, diante da dirección xeral de Mobilidade na Coruña (á carón da estación) e ás portas do edificio da Xunta en Ferrol.
A xornada, explicou o responsábel da CIG de Transportes, Ernesto López Rei, transcorre sen incidencias, cos piquetes informativos despregados dende primeira hora nas principais estacións da provincia e cun seguimento maioritario do persoal condutor, polo que milleiros de persoas quedaron hoxe sen o servizo de autobús.
Neste senso, López Rei apuntou á responsabilidade da Xunta de Galiza nesta situación, xa que a pesar de ser a administración titular dos contratos “dende que se comunicou a folga hai xa doce días nin chamou nin se moveu para tentar desbloquear o conflito. O único que fixo foi decretar servizos mínimos”.
Lamentou a pasividade do Goberno galego a quen “non lle importa que a xente quede nas paradas. A Xunta é consciente das repercusións dunha folga no transporte e de que ten capacidade para solucionar o conflito de maneira dialogada, pero neste tempo non houbo nin un só contacto”.
A patronal, desaparecida
Subliñou que a patronal está agochada dende que rachou as negociacións do convenio “e non parece que queira moverse agás que a Xunta lle obrigue a moverse”. Por iso, López Rei xa avanzou que “a folga de hoxe é un primeiro toque de atención, pero cremos que será insuficiente e que haberá que levar adiante o resto de convocatorias para este mes”.
O representante da CIG lembrou que o convenio provincial do transporte de persoas por estrada da provincia da Coruña está caducado dende hai catro anos e cun articulado negociado hai sete que xa quedou sobrepasado pola actual lexislación. Porén dende o inicio das conversas para a súa renovación, a postura da patronal foi “sentar sen falar nin propoñer absolutamente nada”.
Sobre as demandas sociais, subliñou a necesidade de regular a xornada laboral que está obsoleta, limitando as horas a disposición e reducindo as horas ao volante, actualizar o control horario, así como incorporar melloras nos permisos retribuídos e na conciliación “porque o convenio xa quedou por debaixo do que di o Estatuto das persoas traballadoras”.
A nivel retributivo, López Rei indicou que este ano os salarios quedaron conxelados, polo que reclamou un incremento digno para 2025 e 2026 -“que está a punto de empezar e seguimos cos soldos de 2024”-, e incluír unha cláusula de revisión anual “para que evitar que as traballadoras e traballadores sigan a perder o poder adquisitivo”. Sen esta cláusula, advertiu, “non haberá convenio”.
Xunto a isto, a representación sindical demanda mellorar as condicións do persoal acompañante do transportes escolar. Un colectivo altamente feminizado e precarizado “que sufre contratos miserentos, xornadas que non se computan na súa totalidade e que mesmo ten que pór cartos dos seus petos para traballar porque non teñen nin o transporte gratis para as liñas nas que traballan”.
A folga repetirase os días 12, 15 e 19 de decembro
De non producírense movementos, a folga continuará o próximo venres día 12 de decembro e repetirase o 15 e 19 deste mes. Ademais se as negociacións continúan estancadas, á volta do nadal formularase a convocatoria dunha folga de carácter indefinido até lograr un convenio digno, con subas salariais decentes e unha mellora real nas condicións de traballo.