Seguimento maioritario do paro convocado en Unísono de Vigo para rexeitar os incumprimentos en materia laboral e os despidos

O persoal da compañía do sector dos centros de chamadas aproveitou para mobilizarse diante das instalacións da Gran Vía 110
Vigo - 26 Abr 2016
A folga dunha hora convocada esta mañá en Unísono de Vigo para rexeitar os constantes incumprimentos en materia laboral por parte da empresa e reclamar a readmisión de dúas traballadoras despedidas tivo un seguimento maioritario entre o cadro de persoal. Un nutrido grupo de empregadas/os da compañía do sector dos centros de chamadas e de delegadas/os sindicais doutras firmas mobilizáronse ás portas das instalacións da Gran Vía 110 coincidindo co paro.

(Galería de imaxes)

A protesta promovida pola CIG contou co apoio de todo o comité -a excepción da CGT, que decidiu desmarcarse a última hora- e foi convocada para denunciar a a situación laboral que se vive na empresa (problemas na xestión das quendas, acoso e presións laborais, etc) e reclamar a readmisión de dúas traballadoras despedidas. O paro, que se desenvolveu na quenda de mañá entre as 11.00 e as 12.00 horas, tivo un seguimento maioritario entre o cadro de persoal e atinxiu o 60-80%, dependendo da campaña.

Coincidindo co paro, un nutrido grupo de traballadoras/es e delegados/as sindicais da CIG-Banca en empresas como Bosch, Sateq, QS Media, Cetmar, CTAG, SCI e Experis, concentrouse diante das instalacións da Gran Vía 110, onde berraron consignas reclamando a readmisión das compañeiras despedidas e denunciando a política laboral de Unísono. Na mobilización tamén participaron o secretario nacional da federación, Clodomiro Montero, a secretaria comarcal, Iria Salvande, e a responsábel do sector dos centros de chamadas, Laura Pérez.

Dende a sección sindical da CIG en Unísono explican que a mobilización de hoxe fai parte da campaña que manteñen dende hai tempo para denunciar os constantes incumprimentos da empresa en materia de legalidade laboral e a súa política de acoso e presión sobre o cadro de persoal. Ao mesmo tempo, reiteran que os dous últimos despedimentos -que empresa xustifica alegando causas obxectivas en base á reforma laboral do PP- non son máis que un intento de reprimir as protestas e lembran que unha das traballadoras foi despedida tras os paros convocados en febreiro e outra despois dos de abril.

Finalmente, denuncian a nula vontade de diálogo dunha dirección “que o único que fai é ameazar con sancións e con suspender as xuntanzas previstas no caso de que non se desconvoquen as mobilizacións”. Neste senso, sinalan que a compañía comunicou que anularía a reunión que se ía celebrar onte se non se desconvocaba o paro de hoxe, pero finalmente non se presentou. “É a terceira vez que suspenden a xuntanza, esta vez coa escusa dos paros”, censuran.