Seguimento case total no primeiro dos tres paros en Amazon do Porriño para reclamar melloras laborais
O primeiro dos tres paros parciais convocados no centro loxístico de Amazon no Porriño de 7 a 11:30 horas para reclamar melloras laborais rexistrou hoxe un seguimento practicamente total, xa que só entraron a traballar cinco persoas (tres do cadro de persoal e dúas de ETT) das arredor de 70 que desenvolven o seu labor no almacén. Coincidindo coa convocatoria celebrouse unha concentración diante das instalacións da empresa de distribución no polígono da Granxa de 10:00 a 11:30 horas.
O comité de empresa de Amazon no Porriño (con 4 de 5 representantes da CIG) apostou por estas tres xornadas de paros parciais -que continuarán mañá martes 17 e o mércores 18 de marzo- tras a folga de 24 horas convocada o pasado 23 de decembro ante a negativa da dirección a rematar cos altos niveis de precariedade. En concreto, demándanse unha serie de melloras que rematen coa excesiva carga de traballo e cos incumprimentos en materia de prevención de riscos e saúde laboral.
A representación sindical reclama tamén o aumento das horas nos contratos a tempo parcial e fixos descontinuos, que a día de hoxe non superan as 24 horas semanais; un plus específico que remunere de xeito especial o traballo en domingos; e unha bolsa de horas anual para asistencia a consulta médica.
Durante a mañá, coincidindo coa convocatoria, tivo lugar unha concentración diante das instalacións da empresa de 10:00 a 11:30 horas ao berro de “Moito traballar para case non cobrar”, protesta que se repetirá mañá no mesmo horario. Unhas instalacións ás que tamén se desprazou a Inspección de Traballo para comprobar as manobras de Amazon denunciadas pola CIG para contratar máis persoal de ETT durante a folga, extremo que foi corroborado polas propias compañías de traballo temporal ao recoñecer que recibiran chamadas neste sentido.
Inmobilismo da dirección
Estas novas mobilizacións son unha resposta á “nula vontade” de Amazon por para atender as “xustas reivindicacións” do cadro de persoal, tal e como explica Carlos Martínez Lamosa, da FGAMT-CIG de Vigo. De feito, dende a anterior convocatoria de folga a compañía e o comité mantiveron dúas xuntanzas “sen que se tivesen producido avances pola actitude inmobilista da dirección, até o punto de que mesmo se negan a establecer unha bolsa de horas para ir a consulta médica a pesar de que tería un custe mínimo para unha transnacional que ano tras ano rexistra beneficios millonarios”.
Con todo, para o responsábel sindical o principal problema radica na elevada sobrecarga laboral que padecen as persoas traballadoras, o que está a provocar constantes baixas por estrés e por lesións músculo esqueléticas.
Ademais, o 70% do cadro de persoal -o que presta servizo no almacén- ten contrato a tempo parcial ou fixo descontinuo ou a través de ETT, o que fai que os salarios oscilen entre os 900 e os 1000 euros. “Os únicos contratos a tempo completo son o das persoas supervisoras e os do persoal de oficinas”, detalla.
No centro loxístico de Amazon no Porriño, dende o que se distribúen produtos a toda a zona sur do país, traballan unhas 95 persoas, incluíndo as arredor de 30 que desenvolven o seu labor nas oficinas.