Se hai imputación formal, a CIG persoarase na investigación do concurso de ambulancias do 061

A FGAMT solicitará que se rescindan as concesións se se demostra que houbo fraude na adxudicación

Nacional -

Diante das últimas informacións que sacuden ao sector de ambulancias de Galiza, a FGAMT-CIG compareceu en rolda de prensa para avaliar a investigación xudicial aberta por presunta prevaricación, información privilexiada e tráfico de influencias no concurso de adxudicación do transporte sanitario urxente do 061, adiantando que, no momento que haxa unha imputación formal, a central sindical persoarase como acusación popular.

Antes de abrirse os pregos, a CIG xa denunciara que había empresas que tiñan as ambulancias listas e rotuladas no concesionario. Unha desas empresas era Ambuibérica, que até o concurso resolto en 2015 non tiña ningunha presenza en Galiza e que na actualidade ten adxudicado unha parte importante do transporte sanitario.

"Nós xa dicíamos que esta empresa, que é dun ex deputado do PP, ía levar boa parte de concurso, como así resultou. Agora parece que hai indicios de que o concurso foi unha fraude, no sentido de que alguén da administración pasou os pregos de condicións a certas compañías para que puideran concursar nas mellores condicións e obter máis puntos", aseverou Ernesto López Rei, da Executiva da FGAMT.  

O sindicalista lembrou que a CIG solicitara no seu día á administración información sobre o concurso, que "sempre nos foi denegada". "Agardamos que a investigación sirva para que se depuren responsabilidades e se chega a demostrarse que houbo fraude, demandamos que se rescindan as concesións e se abra unha nova adxudicación".

Coa polémica servida, puntualizou que "non sabemos nin onde está o director da Fundación 061 nin o inspector. Descoñecemos se están de baixa, se foron cesados ou se simplemente se esfumaron do mapa".

Sobre a investigación xudicial López Rei ironizou: "non estamos ante ningún feito novo nas grandes concesións públicas. Neste caso, esperamos que se levante a tapa do sumidoiro, agrome todo e as cabezas pensantes, caian".

O convenio colectivo, paralizado

A respecto do desembarco de Ambuibérica en Galiza, lembrou que a empresa xa carrexaba "uns antecedentes penosos". Como empresa máis grande, e polo tanto con maior peso na mesa de negociación, está bloqueando o convenio colectivo e fomentando a precarización do sector ao recorrer a contratos en prácticas. Unha práctica, matizou, que non é exclusiva de Ambuibérica. "E todo isto sen que haxa ningún tipo de control por parte da administración", denunciou.

Sobre a precarización das condicións laborais e salariais dos/as traballadores/as de ambulancias sinalou tamén á responsabilidade da Xunta por ter permitido unha redución dos custes do  servizo, a conta de primar no concurso as ofertas temerarias á baixa, que nalgúns casos chegaron a rebaixar até un 12% o prezo. “Agora as empresas alegan que non teñen cartos e pretenden que sexan os traballadores e traballadoras quen asuman ese recorte cos seus salarios e o seu esforzo”.

Volver