Santander pretende impor despedimentos colectivos mentres contrata persoal a través de ETTs

A CIG volveuse mobilizar na Coruña en defensa dos empregos
A Coruña - 23 Nov 2017

A CIG Banca continuou este xoves o calendario de mobilizacións contra os despedimentos colectivos formulados para o Grupo Popular-Pastor e Banco Santander, que en Galiza afectarán a unhas 200 traballadoras e traballadores, principalmente dos servizos centrais. Dende a central sindical reitérase que no banco "non sobra ninguén", pois mentres a dirección pon en marcha estes dous EREs, "no Banco Santander estase contratando persoal para oficinas a través de ETTs".

"E sabemos tamén que hai ofertas de traballo en páxinas de internet para cubrir postos no Banco Popular en determinadas zonas do estado. É obvio que estes despedimentos non son necesarios, máis ben ao contrario, fai falla persoal porque hai carga de traballo", aseveraba a voceira das seccións sindicais da CIG, Rosa Conde, durante a mobilización desenvolvida hoxe nos Cantóns da Coruña (primeiro diante da antiga sede do Banco Pastor e despois fronte ás oficinas do Popular e o Santander).

Neste senso, advertiu que "o que está facendo o Santander é externalizar e precarizar o emprego para abaratar custes: despide o persoal con máis antigüidade para contratar outro novo en condicións peores, ben a través de empresas de traballo temporal ou directamente, pero aplicándolle o novo convenio que recolle unhas condicións económicas moi inferiores ás que teñen as traballadoras e traballadores que xa están dentro".

A CIG seguirá reclamando presenza nas mesas

A protesta tivo lugar coincidindo coa celebración en Madrid da segunda reunión das mesas de negociación dos ERE, das que a CIG quedou excluída a pesar de contar con representación no  comité provincial da Coruña. Até o momento a dirección só proporcionou a documentación legal, pero non avanzou ningunha proposta relativa ás condicións dos despedimentos.

Conde indicou que a CIG segue a reclamar estar presente nas mesas de negociación, porque o centro de Orillamar (que concentraba os servizos centrais do antigo Popular-Pastor na Coruña) é un dos máis afectados de todo o Estado. "Pretenden desmantelalo destruíndo 157 postos de traballo directos", advertiu. A isto habería que engadir a falta de garantías de futuro para outras 200 persoas que traballan na empresa auxiliar Universal Support e un posíbel axuste na rede de oficinas do Pastor.

Por iso, na folla informativa que se repartiu durante a concentración, facíase un xogo coa campaña publicitaria que ten en marcha o banco: "Digilosofía" do Santander, despedir a dedo desmantelando os servizos centrais na Coruña.