SAMYL pasa unha factura de 6.000€ ao Concello da Coruña por contratar monitores extras para os museos científicos

Ao tempo, a empresa adxudicataria do servizo ten ao seu persoal duplicando quendas nos momentos de menos visitas

A Coruña -

Traballadoras e traballadores que se encargan da atención ao público nos Museos Científicos da Coruña (Aquarium Finisterrae, Casa das Ciencias e Domus) denuncian á empresa SAMYL (adxudicataria do servizo) polo inadecuado dos seus horarios laborais, ao tempo que censuran ao Concello por asumir o pago de facturas por horas extraordinarias innecesarias.

Así, explican, SAMYL acaba de pasarlle unha factura de 6.000 euros ao Concello por contratar monitores extras, mentres ten ao seu persoal duplicando quendas nos momentos de menos afluencia de visitas.

Dende o colectivo de traballadoras e traballadores critican “a incompetencia” do xefe de servizo dos Museos Científicos, do concelleiro de Cultura e de SAMYL “por non tomarse a molestia de organizar os horarios do persoal adscrito ao servizo, de maneira que se cubran todas as necesidades dos museos, tal e como recolle o propio clausurado da contrata”.

A este respecto, a representante do persoal denuncia a contratación que realiza a empresa para cubrir horarios con persoal alleo “mentres o persoal fixo dobra quendas en días nos que as visitas e as actividades nos museos son escasas”.

Esta falta de coordinación de horarios provoca que haxa momentos de intensa actividade nos museos cunha presenza mínima de traballadoras/es. Situacións que SAMYL cubre contratando novo persoal, en vez de organizar o que xa ten en nómina. Por estas contratacións complementarias a empresa acaba de pasar unha factura ao Concello da Coruña de máis de 6.000 euros (a maiores do que percibe anualmente por xestionar o servizo) en concepto de horas extraordinarias a monitores “cando non existen horas extras e si nova contratación en precario”.

Esta situación, subliña a representante do persoal, vense producindo dende a denuncia presentada polas/os traballadoras/es polo horario ilegal que estaban a realizar. A raíz da denuncia a empresa “en lugar de reestruturar todo o cadro de persoal, comezou a organizar horarios aleatoriamente, ampliando a xornada a determinado persoal e contratando outro novo, sen atender as necesidades do servizo”.

Demandan a intervención da Concellaría de Cultura

Dende a representación social laméntase que tanto o Director do Museos como o concelleiro de Cultura (coñecedores da situación) permitan a empresa cometer estas irregularidades e non se adopten as medidas necesarias. Tanto máis “cando é o Concello quen ten que asumir economicamente a incompetencia do xefe de servizo e do concelleiro, por non exercer de xeito adecuado a labor de control da actividade desta empresa, que forma parte das súas competencias”.

Hai unhas semanas, o colectivo de traballadores/as dirixiuse por escrito ao Concello da Coruña para reclamarlle que rescinda a contrata con SAMYL ante os reiterados incumprimentos en materia salarial e laboral e polas constantes presións e acoso que a empresa exerce sobre este persoal. Hai que lembrar que a empresa acumula xa 23 sentenzas condenatorias e que está recollido nas cláusulas do contrato que isto significa un incumprimento moi grave dos seus termos; o que debería levar aparellada a rescisión inmediata do mesmo.

Non obstante, a representante das traballadoras e traballadores censura á Concellaría de Cultura por non abordar este problema e “pagar a factura sen máis, en lugar de pedir contas á empresa”.

Cómpre destacar tamén que nestes momentos o servizo atópase en situación de prórroga ao ter rematado a vixencia da contrata. Porén, SAMYL seguirá encargándose do servizo até que se confeccione un novo contrato ou, como máximo, até abril de 2017.

Volver