Rexeitan a zonificación escolar viguesa porque tería “graves consecuencias” para o ensino público da cidade

Os colectivos entenden que non garante a libre elección de centro e non aborda problemas estruturais
Vigo - 12 Xan 2018

Preto de 20 colectivos sindicais, educativos, políticos e veciñais de Vigo -entre eles a CIG- entregaron hoxe un escrito na delegación da Xunta no que rexeitan a proposta de zonificación escolar remitida pola inspección educativa e solicitan a súa paralización ao entender que tería “graves consecuencias” para o ensino público vigués. Segundo denuncian, a proposta non garante a libre elección de centro e non aborda os problemas estruturais que ameazan a continuidade dalgúns centros públicos da cidade.

As entidades que se opoñen a esta proposta argumentan a súa posición en primeiro lugar no feito de que non se atopa debidamente fundamentada, xa que non inclúe análise da situación actual, exposición de motivos, criterios aplicados ou razóns que sustentan as decisións tomadas. Diante disto, o secretario comarcal da CIG de Vigo, Alberto Gonçalves, que participou no acto de entrega do escrito e na concentración que tivo lugar diante do edificio administrativo, considera que o deseño elaborado pola inspección educativa “raia no arbitrario”. 

Fica en evidencia a aposta do Partido Popular por enfraquecer os servizos públicos para reforzar a súa privatización

O segundo argumento dos colectivos ten que ver co feito de que as delimitacións zonais propostas non só non garanten a liberdade de elección de centro en igualdade de condicións, senón que ademais non abordan os problemas estruturais que ameazan a continuidade dalgúns centros públicos da cidade. “Nesta cuestión xulgamos que fica en evidencia unha vez máis a aposta do Partido Popular por enfraquecer os servizos públicos para por activa e por pasiva acabar por reforzar a súa privatización”, sinala Gonçalves.

Segundo indica, estes temores confírmanse ao comprobar o trato desigual que se lle brinda aos centros públicos de secundaria na asignación de prazas, favorecendo de maneira clara os centros privados. “ë gravísimo que o alumnado da pública se vexa privado nalgúns casos do dereito a cursar estudos secundarios en centros próximos aos seus domicilios, non así no caso dos centros privados-concertados”. Algo que é especialmente grave no caso do alumnado da ESO, “cuxa atención debera ser por esta razón -e pola súa menor idade- prioritaria para a Administración sobre o alumnado de Bacharelato”.

Discrimina os centros públicos

Polo tanto, trátase dunha zonificación arbitraria, ineficaz, que non se axusta á realidade nin ás necesidades sociais da comunidade educativa da cidade, que foi elaborada de maneira opaca e que inclúe un trato discriminatorio contra os centros públicos sobre o ensino privado-concertado. “A necesaria nova zonificación escolar de Vigo debera representar unha verdadeira oportunidade para avanzar na mellora da oferta educativa pública, optimizando a cobertura territorial”.

Por todo isto, no escrito presentado polos colectivos na Xunta reclámase a volta da proposta ao punto de partida e a paralización da súa tramitación e solicítase que o proceso de elaboración dun novo deseño sexa participativo, reflexivo, transparente e consensuado.