Rexeitan a redución de persoal de enfermaría no servizo de Oncoloxía do novo hospital de Vigo

A CIG-Saúde denuncia que a Xerencia da EOXI pretende pasar de 14 a 13 traballadores/as
Vigo - 01 Feb 2016
A federación de Saúde da Confederación Intersindical Galega (CIG) vén de rexeitar publicamente a intención da Xerencia da EOXI Vigo de reducir o persoal de enfermaría do servizo de Oncoloxía do novo hospital da cidade, o Álvaro Cunqueiro. A central nacionalista critica que o Sergas pretenda pasar de 14 a 13 traballadores/as neste departamento ao entender que non son suficientes para desenvolver a súa labor con dignidade.

Na federación de Saúde da CIG de Vigo lembran que dende a posta en marcha do Álvaro Cunqueiro -que até o presidente da Xunta recoñece que foi apresurada e pouco planificada- “estamos atopando serios problemas de funcionamento en diferentes servizos relacionados con cuestións organizativas, estruturais e de limitacións no cadro de persoal”.

Cren que a dirección intenta mover persoal de enfermaría dun servizo a outro para paliar a situación, “pero non se pode sacar persoal que xa é insuficiente para desenvolver o seu traballo con dignidade; se é necesario máis persoal, o que teñen que facer é incrementar o número de traballadores/as para adaptalo ás necesidades reais dos pacientes”.

Diante disto, o persoal de Oncoloxía iniciou unha recollida de sinaturas na plataforma Change.org que en 48 horas obtivo 1500 apoios. Os promotores/as da iniciativa lembran que “como ben é coñecido o traballo co doente oncolóxico require unha especial atención no coidado por tratarse de doentes inmunodeprimidos/as, que pasan por un proceso de dolo durante a súa enfermidade xunto coas súas familias e están sometidos/as a un estrés importante pola agresividade dos tratamentos, o deterioro no seu estado e as técnicas invasivas. Isto require un maior tempo de atención que as traballadoras/es xa non dispoñemos na actualidade con 14 enfermeiras/os, e resulta obvio que cunha menos a calidade da atención vaise ver afectada, así como o exceso de traballo sobre o resto de persoal, e por suposto, e o que é mais importante, sobre os nosos/as doentes”.

Deste xeito, dende a CIG-Saúde instan a Xerencia da EOXI de Vigo a que teña en conta as reclamacións dos profesionais no sentido de non recortar o cadro de persoal en Oncoloxía e solicítanlle que incremente o número de efectivos nos servizos onde sexa necesario.