Retroceder en dereitos incrementa a violencia
Este 25 de Novembro, Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres, a Secretaría das Mulleres da CIG lanza unha campaña para denunciar a permisividade das condutas machistas nas institucións públicas e reclamar que se revertan os recortes en materia de igualdade aplicados pola Xunta de Galiza.
Para ese día, está convocado en Compostela o Encontro Nacional de Mulleres da CIG, ás 10:30h, e unha manifestación posterior que rematará diante da sede do PP.
“O desmantelamento das políticas de igualdade e a tolerancia de condutas machistas desde o poder que ostenta o PP, transmiten mensaxes perigosas que normalizan a violencia e deixan as mulleres máis desprotexidas”, advirte Margarida Corral, secretaria confederal das Mulleres.
Como exemplo desta realidade, lembra a saída entre aplausos do ex conselleiro do Mar, Alfonso Villares, imputado por un delito de agresión sexual, ou o apoio do PP a Matías González Cañón, candidato popular na Illa de Arousa condenado por violencia de xénero.
“Queremos denunciar estes retrocesos, exixir responsabilidades políticas e reclamar servizos públicos, igualdade real e protección efectiva para todas as mulleres en Galiza”, sinala. De aí a escolla do lema: “Retroceder en dereitos, incrementa a violencia. Por unha Galiza con dereitos, traballo digno e igualdade”.
Corral denuncia a supresión da Secretaría Xeral de Igualdade, reducíndoa a unha dirección xeral, desvinculando a violencia de xénero da promoción da igualdade e poñendo á fronte do departamento a un home de perfil técnico. Esta decisión da Xunta levou a CIG, xunto con outros 41 colectivos feministas, a solicitar en xuño do ano pasado a intervención da Valedora do Pobo.
“É a maior parálise na institucionalización das política de igualdade de xénero dende a supresión do Servizo Galego de Igualdade e realízase xusto cando a taxa de violencia de xénero en Galiza aumentou case un 10% a respecto de 2024”, alerta.
A isto suma que os centros de atención ás vítimas 24 horas están en mans de empresas privadas, a aplicación dunha política social baseada na mercantilización dos coidados coa privatización dos servizos e a precarización das condicións laborais, ou a falta de desenvolvemento da Lei de Dependencia.
A secretaria das Mulleres da CIG critica tamén ao Goberno do Estado por limitar a súa acción á propaganda e facer grandes anuncios “que non se materializan en medidas reais nos centros de traballo, nin protocolos efectivos que preveñan, actúen e sancionen os acosos nas empresas”.
Mobilización por un cambio de políticas nos orzamentos da Xunta
A campaña do 25 de novembro enceta coa iniciativa que a CIG xa ten en marcha para demandar medidas urxentes que deberan estar contempladas nos Orzamentos da Xunta de Galiza para 2026. Trátase de seis grandes liñas de actuación para garantir un desenvolvemento galego propio co que frear o aumento do empobrecemento e as desigualdades das clases populares, a desertización social e industrial, a creación de emprego digno e uns servizos públicos de calidade.
Nesta batería de demandas, a CIG reclama tamén a aprobación dun Plan Galego pola Igualdade e a apertura dun proceso que supere o actual Estatuto de Autonomía para que se recoñezan os dereitos nacionais de Galiza.
Para exixir que se incorporen estas demandas, a CIG xa se mobilizou o pasado 7 de outubro nas sete comarcas e ten convocada unha mobilización para o 10 de decembro en Compostela, coincidindo coa tramitación parlamentaria dos Orzamentos.