Retoman a folga nos elaborados do mar debido á intransixencia da patronal nas negociacións

O persoal do sector irá á folga os días 30 e 31 de outubro despois dunha nova ruptura das negociacións

Vigo -

O persoal do sector dos produtos elaborados do mar retomará a folga os días 30 e 31 de outubro tras fracasaren as dúas xornadas de duras negociacións decorridas o pasado xoves e este mesmo luns en Madrid, e que motivaran unha tregua nos paros. A representación dos traballadores/as critica a intransixencia do empresariado, que realizou unha derradeira oferta que non satisfai minimamente as demandas de melloras económicas e sociais, pretendendo perpetuar o “peor convenio” de todo o ámbito da alimentación.

Tal e como advertiu o comité de folga ao anunciar o adiamento das xornadas inicialmente convocadas para o 24 e 25, a folga no sector dos produtos elaborados do mar retomaríase para os días 30 e 31 de outubro se as negociacións non fructificaban.

Así foi finalmente, a pesar da satisfacción lograda por un primeiro día de folga unánime que demostrou a capacidade de loita das traballadoras do sector e que logrou sentar á patronal na mesa por primeira vez desde a ruptura das negociacións o pasado setembro.

Segundo o comité, que se desprazou a Madrid tanto o pasado xoves como este luns, esta nova xeira de contactos non fructificou debido á actitude “intransixente” da patronal, que non se moveu practicamente da proposta inicial, realizando unha derradeira proposta que non colma en absoluto as necesidades de mellora do persoal. 

A nova xeira de contactos non fructificou debido á actitude “intransixente” da patronal

Neste sentido, indican que na parte económica se amosan intransixentes nas propostas de suba salarial nos grupos 1,2 e 3 (os máis precarizados) dun 5´5% no primeiro ano e 2% nos tres sucesivos anos de vixencia do convenio fronte os 5,5% e 2´9% que propón a parte social. Alén disto, o empresariado tampouco está disposto a admitir permisos retribuídos para levar fillos/as en idade pediátrica ao centro de saúde.

Segundo indica a delegación negociadora, as únicas cesións da patronal consistiron en aceptar a redución do tempo para promocionar da categoría 1 á 2 de cinco a catro anos e en aceptar o plus de serra, se ben reducindo á metade a súa contía (50 euros).

Aseguran, así mesmo, que pola parte social se realizou este mesmo luns unha nova proposta para dar unha última oportunidade ao acordo, responsabilizando a patronal das dúas novas xornadas de folga que volverán paralizar o sector.

Piquetes informativos

A segunda xornada de folga no sector de elaborados do mar repetirá o esquema da anterior, dando inicio na madrugada deste martes 30 con piquetes informativos percorrendo os principais centros de traballo e polígonos. Así, e segundo informa CIG-Mar, na comarca de Vigo desprazaranse desde as 22 horas do luns ao inicio da quenda de noite en Pereira, para desprazarse ás 04:30 a outras factorías como Fandicosta ou Mascato.

No caso de Pontevedra, comezarán ás 04:00 da mañá desde Numarsi, no polígono de Campañó, e máis tarde irán até o porto de Marín para informaren as traballadoras/es en GPS ou Cabomar, ás 04:30h.

Volver