Resposta ao director de Navantia

Ramón Fernández Alfonzo -

A solución do conflito é moi doada se vostedes adoptaran unha postura razonable. Dotémonos dun marco salarial estable, que dignifique a profesión, que sexa universalmente coñecido e vinculante, que nos proporcione tranquilidade para afrontar novos contratos, novas etapas

Deixarlle as chaves de Astano a Nervión debaixo do felpudo, e desentenderse do que alí pase, foi sen dúbida unha decisión moi responsable. Porque cando nos xogamos o prestixio e futuros contratos, o lóxico e o responsable é deixar as cousas en mans de empresas que rebaixan unilateralmente salarios, fan xornadas de 11h diarias, e teñen como política de empresa non facer indefinidos, por máis que as necesidades de persoal podan chegar ás 400 persoas.

 Quen podía imaxinar que ese persoal que tivo que aceptar a rebaixa salarial a regañadentes pola presión do paro comarcal, podía nun momento determinado presentar reivindicacións de mellora? Pois ninguén, claro. E como imaxinar que esas reivindicacións podían chegar a transformarse en folgas de non ser atendidas? Imposible.

 Porque aínda sabendo que os acordos salariais do persoal das auxiliares de Navantia teñen a súa orixe nas folgas do ano 2001, e que a rebaixa salarial imposta pola vía dos feitos, coa correspondente humillación dos profesionais das factorías, chega a perto dos 500€/mes dependendo da categoría e da especialidade, era impensable que ese mesmo persoal puidera tomar a mesma determinación que 16 anos antes, para recuperar os seus dereitos e a súa dignidade. Totalmente impensable.

 É Nervión un caso illado? Non. A comezar polas contratas de Nervión, Indasa e Galictio, tamén incumpridoras, e ben coñecidas por ser a última opción de calquer demandante de emprego da comarca (denigrante o trato do encargado de Galictio aos empregados en Astano).

 Do outro lado da ría as cousas non están mellor. Alí campa un vello coñecido do sector, que xa mandou unha empresa á ruína (hai sentenza que acredita que a creba foi culpable), e que agora a falta de unha ten dúas empresas en Navantia: Tubacer e Mafer. Por certo, Tubacer aplica un convenio de empresa ilegal. Case nada!! E o caso de M Blanco? Ese xa é para nota, as dúas primeiras horas extras de cada xornada non se pagan. Outra, Calsomatu. Un exemplo moi sintomático. Nun determinado momento decidiron facer un investimento para mellorar a súa posición de cara ao futuro. Investiron en tecnoloxía, en maquinaría, en diversificar? Non. Investiron en desfacerse do seu persoal indefinido e con dereitos, para competir cos demais piratas da mar océana de Navantia. E así podiamos seguir...

 Hai empresas que cumpren? Hainas. E por certo que non o pasan ben neste entorno. O nivel de rotación das empresas foi nestes últimos anos elevado. Non sei que cara lle poñerán os directores e xerentes das empresas cando acoden a algunha destas xornadas sobre o sector nas que sempre inciden na necesidade de fidelizar á industria complementaria, mellorar o marco de colaboración, etc... E as que foron pechando? Visto desde fora máis parece un cemiterio que un viveiro de empresas: Tecnymo, Cachaza, Eymosa, Elecnaval, Electroships, Tae, Turmoil, Cotrafer... Dan vostedes miedito, que diría un coñecido meu.

 Resulta admisible que unha empresa pública, de carácter industrial, e destas dimensións, xogue socialmente este papel? De maneira ningunha. É responsable o equipo de dirección de Navantia do que está a acontecer? Por suposto. Onde nos conduce que a dirección de Navantia decida poñerse de perfil, escusarse na dificultade de tomar decisións executivas dentro dunha empresa pública, e botarlle a culpa á CIG e aos folguistas? Ao desastre.

 A solución do conflito é moi doada se vostedes adoptaran unha postura razonable. Dotémonos dun marco salarial estable, que dignifique a profesión, que sexa universalmente coñecido e vinculante, que nos proporcione tranquilidade para afrontar novos contratos, novas etapas. Promovan un marco onde podamos todos dedicarnos a traballar e a gañar diñeiro. E participen nese escenario. Teñen que ser proactivos. E iso é imposible se non asumen que teñen que estar presentes, e facer parte dos acordos que necesariamente haberemos de realizar.

 Ninguén que coñeza esta realidade pode acreditar no proxecto de industria 4.0 que andan a presentar. Son incompatibles. Se non fan vostedes o fácil, como poderán facer o difícil?

Nota: Desde o 5 de outubro hai unha greve, convocada pola CIG, nas auxiliares de Navantia. Ten carácter indefinido.

[Ferrolterra, 9 de outubro de 2017]

________________________________________________________________________

Ramón Fernández Alfonzo é secretario de negociación colectiva da CIG-Industria Ferrol.

Volver