Repsol presenta un ERTE logo de obter beneficios millonarios e sen garantir investimentos na refinería
En pleno proceso de transición enerxética e tras obter uns beneficios de 648 millóns de euros durante o primeiro trimestre, Repsol pretende aplicar un ERTE na refinería da Coruña para 212 traballadores e traballadoras durante seis meses. Esta regulación fraudulenta formúlase ademais no medio da negociación do Acordo Marco en Madrid, a través do que a petroleira quere recortar os dereitos laborais, aplicar unha rebaixa salarial do 10% e eliminar conceptos como a antigüidade.
O ERTE de Repsol constitúe un exemplo máis das consecuencias de manter plenamente vixente unha reforma laboral que deixa todo o poder de decisión sobre a continuidade dos empregos en mans da patronal. Mais tamén pon en evidencia a falta de políticas públicas para abordar a transición de maneira xusta para os territorios afectados e a ausencia dunha política industrial por parte da Xunta de Galiza, que segue sen pór en marcha medidas para abordar as mudanzas que necesita a refinería.
Resulta vergoñenta a inacción do Goberno galego neste conflito, que se nega mesmo a concretar cales foron os temas tratados na reunión que o presidente Feixoo mantivo co conselleiro delegado de Repsol e coa directora do complexo da Coruña, poucos días antes de anunciarse o ERTE.
Fronte ás pretensións patronais, a CIG trasladou a Repsol unha proposta para materializar un futuro viábel para o complexo industrial que garanta o mantemento de todos os empregos e continuidade produtiva. Estas garantías de futuro pasan inevitabelmente porque a compañía presente un plan de investimentos para adaptar o complexo ao proceso de transición enerxética, con respaldo económico real e proxectos solventes.