Remata sen acordo a xuntanza do comité de folga da CIG-Saúde coa Consellaría de Sanidade

Durante as catro horas de reunión o SERGAS limitouse a tomar nota das demandas para a Atención Primaria sen achegar propostas concretas
Nacional - 21 Abr 2026

A xuntanza de máis de catro horas celebrada hoxe entre o comité de folga da CIG-Saúde e a Consellería de Sanidade rematou sen acordo despois de que o departamento autonómico se limitase a tomar nota das razóns que motivaron a convocatoria de paro de 24 horas na Atención Primaria para este xoves día 23 sen achegar ningún tipo de proposta concreta.

Durante a reunión a CIG-Saúde trasladoulle punto por punto á Administración as súas reivindicacións, facendo especial fincapé nas necesidades urxentes do sistema de Atención Primaria e nas condicións laborais do persoal. “Pola súa banda, o departamento autonómico limitouse a recoller as propostas expostas, sen presentar avances concretos nin compromisos firmes”, tal e como denuncian dende a central sindical. 

O SERGAS convocou unha nova reunión do comité de folga para este mércores día 22, “na que se comprometeu a presentar un documento co obxectivo de avanzar cara a un posíbel acordo”

En consecuencia, o SERGAS optou por convocar unha nova reunión do comité de folga para este mércores día 22, “na que a Administración se comprometeu a presentar un documento co obxectivo de avanzar cara a un posíbel acordo”.

Con todo, dende a CIG-Saúde insisten en que a desconvocatoria da folga non pode basearse na sinatura dun “documento baleiro”, senón que debe sustentarse en “propostas reais, concretas e efectivas” que dean resposta ás demandas do persoal de Atención Primaria e melloren a calidade asistencial.

A organización sindical reafirma, polo tanto, a súa disposición ao diálogo, pero tamén a súa firmeza na defensa dunha Atención Primaria digna e con recursos suficientes.