Remata a 107ª Conferencia Internacional do Traballo

Resumo das decisións adoptadas na Comisión de Normas na que participou a CIG

Bruxelas -

Este venres ten lugar a sesión de clausura da 107 Conferencia Internacional do Traballo, que se está a desenvolver en Xenebra dende o pasado 28 de maio e na que a CIG estivo participando. Na xornada de onte, 7 de xuño celebrouse a última reunión da Comisión de Normas na que se analizan e debaten os informes que a comisión técnica de expertos/as presenta sobre incumprimentos dos diferentes Convenios da OIT por parte dos países que os teñen subscritos e ratificados.

En principio, explica o responsábel de Relacións Internacionais da CIG, Xosé Lois Rivera, ademais da memoria de todos os incumprimentos estudados, preséntase unha lista de 40 países, que logo de debate interno e discusión, acaba reducíndose a 24 países, unha vez consensuada a lista entre as tres partes: os gobernos, o grupo de empregadores/as, e o grupo de traballadores/as.

Este ano seleccionáronse os seguintes países en referencia aos convenios que os acompañan: Estado Plurinacional de Bolivia (Conv. 138), Camboia (105), Eritrea (29), Haití (1, 14, 30, 100), Honduras (87), República de Moldavia (81,129), Samoa (87), Bahreim (111), Belarús (29), Estado Plurinacional de Bolivia (131), Botswana (87), Brasil (98), O Salvador (144), Xeorxia (100), Grecia (98), Xapón (87), Libia (122), Malasia-Malasia Peninsular/Sarawak (19), México (87), Myanmar (87) e Nixeria (98).

Dende o grupo de traballadores/as trasladaron queixas pola ausencia de países como Turquía, Malawi ou Colombia da lista, e polo feito de que figuren outros países como  O Salvador ou Grecia.

Incumprimentos de diversa índole

Durante estes 11 días fóronse debatendo cada un dos casos, con intervencións por parte de representantes de cada un dos grupos e, por suposto, do goberno do país correspondente. Os casos son moi diversos e os convenios que non son respectados tamén, indo desde os que afectan á negociación colectiva, aos acordos tripartitos, ou a non entrega das memoria correspondentes, até casos de auténtica gravidade, no que traballadores/as e sindicalistas son vítimas de asasinatos, secuestros,  ameazas, detencións preventivas, traballos forzosos, etc.

Estes son os casos, por exemplo, de Cambodia, Eritrea, Honduras, Nixeria,... Outros centráronse nos problemas que afectan ás mulleres, con acoso contra elas ou grandes niveis de desigualdade, como é o caso de Xeorxia ou Libia. Hai cuestións tamén relacionadas co traballo infantil, como Bolivia (aínda que xa deu marcha atrás coa lei que posibilitaba o traballo desde os 14 anos). E outros pola obrigatoriedade do servizo militar e os traballos derivados diso, catalogados como forzosos, como é o caso tamén de Eritrea.

Posicións enfrontadas

Para Rivera resulta obvio que nin a lista final, nin moitas das intervencións nos debates, analizan con total obxectividade a verdadeira situación de cada un destes países e da súa clase traballadora.

"En primeiro lugar, porque as defensas de cada un dos grupos teñen moito a ver con criterios políticos e polo tipo de gobernos que cada un deses países ten. O grupo de empregadores/as tende a posicionarse, por suposto do lado dos países que aplican as políticas neoliberais, sexan ou non respectuosos cos dereitos laborais e cívicos. O grupo de traballadores adoita posicionarse maioritariamente (non é unánime esta posición, pois xa sabemos que non todas as organizacións sindicais son “de clase”) do lado de países con réximes e gobernos máis de esquerdas", matiza.

No que respecta ao grupo dos gobernos, a situación resulta desesperanzadora, "pois son moi poucos os países que apoian as teses dos/as traballadores/as e coinciden case sempre co empresariado". Porén, resulta aínda máis preocupante observar como os famosos BRICS defenden a algúns gobernos, como fixeron, por exemplo, co actual goberno ilexítimo do Brasil. Un feito que cualifica de "decepcionante".

En segundo lugar, continúa Rivera, porque moitos dos casos a tratar danse en países que están totalmente condicionados por situacións políticas, económicas, de catástrofes naturais, bélicas, ou sufrindo as consecuencias de procesos coloniais. "Malamente poden cumprir estes países os convenios da OIT, cando non poden garantir á súa poboación nin sequera outros dereitos fundamentais, como vivenda, comida, auga, ou sequera a súa vida".

Entenden que para trasladar certas esixencias a algúns destes países, "tería que facerse unha análise algo máis autocrítica por parte dos países “desenvolvidos” que, por intereses xeopolíticos ou económicos, teñen moita responsabilidade na situación que están a padecer", asevera.

O caso do Brasil e a súa reforma laboral

Un dos casos que máis debate e enfrontamento entre as partes xerou, foi do Brasil, tendo en conta o que se xogaba. "Estaba en discusión, non só a lexitimación dun goberno que, para a maioría do noso grupo, era un goberno ilexítimo que accedeu ao poder por un golpe parlamentar e co apoio do capital e as grandes potencias imperialistas", senón tamén porque é a Reforma Trabalhista que o goberno brasileiro aprobou a que pon, segundo a Comisión de Expertos da OIT (que tanto cuestionaron empregadores/as e gobernos) en cuestión os dereitos contemplados no convenio número 98, pois vai contra dereitos sindicais básicos, e cuestiona a negociación colectiva, ao introducir a posibilidade de acordos individuais que, obviamente, non garantirían o respecto aos acordos da negociación coa lexítima representación dos traballadores e traballadoras.

"Non é moi diferente a reforma do Brasil á que se fixo no seu día no Estado español, ou recentemente en Francia. É por isto que a maioría dos gobernos e o grupo de empregadores/as teñen todo o interese en ilas consolidando, como un paso máis na perda de dereitos laborais e a inseguridade legal para os traballadores e traballadoras, polo que chaman modernización, flexibilidade e criterios de mellora da produción".

Pódese ampliar toda esta información accedendo á páxina da OIT e da Comisión de Normas, onde figurarán todos os documentos, actas e conclusións.

Xenebra, 7 de xuño de 2018
Dpto. De Relacións Internacionais da CIG

Volver