Reforzar a organización como piar dun modelo sindical baseado no conflito
O IX Congreso definiu as liñas que guiarán a CIG para fortalecer a organización interna e potenciar a acción sindical nos centros de traballo, coa garantía da independencia económica e política que ten a central. No Relatorio de Organización aprobado recóllense estas liñas de actuación e faise un chamamento á militancia para transformar a realidade laboral e social de Galiza.
A organización é o piar dun modelo sindical baseado no conflito para conquistar dereitos e transformar a realidade, polo que se precisa dunha estrutura viva, con forte compromiso militante, que responda ao seu crecemento en afiliación e representación. Para o que aposta por superar os funcionamentos burocráticos, potenciando organismos de dirección áxiles e colectivos e insistindo na necesidade de recuperar as asembleas presenciais como espazo de debate e mobilización, fundamentais para resistir a precariedade, o desemprego e as desigualdades.
Chámase tamén a intensificar a acción nos centros de traballo a través das seccións sindicais, a “espiña dorsal” da organización, sendo necesario dinamizarse para implicar á afiliación e enfrontar desafíos como a dixitalización, o teletraballo e o illamento laboral. Do mesmo xeito, considéranse as Unións Locais como ferramentas para ampliar a presenza do sindicato en todos os territorios, coordinándose coas federacións e a coa confederación.
Incídese ademais en que as asembleas continúan a ser a forma máis eficaz de resistir a ofensiva, de defender e avanzar en dereitos dándolle resposta aos problemas concretos na conquista de máis dereitos, liberdades e garantías e por unha Galiza libre de explotación. “As persoas traballadoras teñen a necesidade e o dereito a coñecer cales son os pasos que dan no día a día quen os representa”, afírmase no relatorio. Porque sen participación non hai protagonismo da clase obreira, non hai democracia, e as asembleas axudan a que haxa maiores cotas de debate para que as persoas traballadoras participen, opinen, decidan e comproben que non son simples espectadoras. “Nos últimos anos, as loitas laborais son tamén loitas de carácter ideolóxico, e para conseguirmos que a correlación de forzas nos sexa favorábel é preciso incidirmos na conciencia das persoas traballadoras”.
Participación e compromiso
A participación da afiliación e das delegadas é un principio esencial da CIG, clave para a democracia interna e o compromiso militante. O sindicato non se limita a xestionar a realidade, senón que aspira á súa transformación revolucionaria, o que require unha acción colectiva baseada na conciencia nacional e de clase. Propón, por iso, revitalizar os organismos de dirección, promovendo dinámicas participativas e unha planificación colectiva con tarefas definidas, fuxindo do individualismo.
A independencia financeira é unha prioridade histórica da central, reforzada tras a crise de 2008. Medidas como o control de gastos e o aumento de afiliadas permitiron consolidar unha solvencia económica que garante a autonomía sindical. Os recursos, principalmente as cotas sindicais, asúmense como un acto de solidariedade de clase. Por iso, a CIG comprométese a unha xestión rigorosa para apoiar os obxectivos estratéxicos.
Ante o cerco mediático dos medios públicos e privados, que silencian as propostas e as loitas encabezadas pola central -até o punto de ter mesmo invisibilizado a propia celebración do Congreso-, sublíñase a necesidade dunha comunicación rápida, rigorosa e responsábel. Con todo, o sindicato prioriza o contacto directo coa afiliación e combinar redes sociais, materiais físicos (Boletín Sindical, revista Enxergar) e asembleas presenciais para rachar co bloqueo informativo.
O IX Congreso da CIG reafirmou, pois, o modelo de sindicalismo nacionalista e de clase, apostando por unha organización forte, participativa e independente economicamente para enfrontar a precariedade e transformar Galiza. A través da acción sindical, a formación e a autonomía financeira, a central busca consolidarse como ferramenta de loita e integración social para a clase traballadora galega.