Reforma laboral: avances ou retrocesos e folla de ruta hipotecada?

Manuel Mera - 07 Feb 2022

Este pacto deixa un sedimento moi negativo no imaxinario colectivo do movemento obreiro xa que se fixo co aval das centrais sindicais sistémicas e do Goberno “progresista”, e contou co apoio de UP que facía da derrogación unha bandeira

 

 Para o Goberno “progresista”, os partidos que avalaron a reforma laboral, a patronal, e mesmo a Unión Europea, o Decreto Lei aprobado polo Congreso é un triunfo de todos e todas, sempre que non se lle cambie nin unha coma como exixía a CEOE. Daquela que non se tramitase como unha Lei onde se terían que debater as propostas daqueles partidos que non estaban de acordo co texto, ben porque á dereita lle parecese moi “esquerdista”, ou porque nas antípodas ás forzas soberanistas  esixisen a derrogación do texto en vigor, e unha nova lexislación xusta nas relacións laborais. Este debate non foi posíbel, porque o texto xa se daba por pechado co acordo da patronal, o Goberno e os sindicatos pactistas (excluíndo da mesa negociadora a CIG e ELA-STV que son sindicatos máis representativos). A presa para a aprobación viña condicionada, como o confirmou o propio Goberno, porque a nova remesa de fondos europeos (uns dez mil millóns) estaba ligada ao acordo da patronal e á aprobación no Congreso do Decreto Lei. Máis subordinación imposíbel!

 A reforma podería implicar certos avances, por exemplo, respecto da utilización desmedida dos contratos temporais (hai que ver que non sexan avances só estatísticos), da ultraactividade (xa recoñecida en moitas sentenzas xudiciais). Tamén se salienta que primen os convenios de sector sobre os de empresa, mais exclusivamente en materia salarial. Claro que se fai cun criterio centralista obviando que os convenios de sector provinciais e autonómicos son os que teñen normalmente mellores condicións. Agora ben, agóchase ou quítaselle relevo a que se manteñen as facilidades para os despedimentos colectivos (ERE), o descolgue dos convenios e o abuso da flexibilidade na xornada, e a rebaixa da contía da indemnización nos despedimentos individuais. Ademais, o traballador/ra seguirá perdendo o salario mentres se tramita o despedimento, etc. No fundamental mantense a matriz neoliberal da norma, facilitando a explotación e acumulación capitalista.

 Dise que estes aspectos regresivos se poden modificar en futuras reformas laborais, esquecendo que este pacto deixa un sedimento moi negativo no imaxinario colectivo do movemento obreiro xa que se fixo co aval das centrais sindicais sistémicas e do Goberno “progresista”, e contou co apoio de UP que facía da derrogación unha bandeira. Ou sexa, o acordo deixa hipotecas para a clase traballadora, tanto no seu contido, como en relación coa mobilización, ao primar a pasividade e renunciar sen conflito á derrogación. Deixa un sedimento negativo respecto da participación e protagonismo do pobo, e das alianzas posíbeis sindicais e de partidos da esquerda e “progresistas”, para acadar unhas relacións laborais equitativas e avanzar na xustiza social.

 Quero lembrar que hai xusto unha década, cando Rajoy aprobou a contrarreforma de 2012, ao mesmo tempo se asinaba un pacto entre a patronal CEOE e as centrais sindicais CCOO e UGT que significou unha perda de ingresos para as persoas asalariadas durante os seguintes anos. O aumento acordado para ese ano era do 0,5% malia que o ano anterior o IPC medrou un 2,5% na Galiza. No ano 2013 e 2014 o medre sería do 0,6%. En todos os casos en todos! había caída nos ingresos, que se notaría moito no 60% da clase traballadora, a que tiña salarios menores aos mil euros mensuais. Non se pactou, como compensación lóxica, un control das contas das empresas, nin limitar os salarios dos directivos e os dividendos... só promesas de xerar emprego.

 Comentaba daquela nun artigo no semanario Sermos Galiza (2012/02/03) o seguinte: “Algúns cálculos dan a cifra de 3.000 euros de perda sobre o salario medio nos tres anos, e uns 4.000 ao incluír o aumento do IRPF. Ou sexa: chove sobre mollado, e sempre cunha vara de medir que castiga os salarios medios e baixos (...) Pola contra non se aumenta o imposto de sociedades, que xa paga menos do 10% sobre a base liquidábel, ou ás SICAV e equivalentes que teñen unha carga fiscal do 1%. Consecuencias: mentres cae o consumo interno aumentaron os gastos en bens de luxo nun 25%, só no ano 2010. As grandes fortunas non deixan de engordar e os altos salarios de crecer”.

 Son antecedentes a termos en consideración, para quen pense que a postura de CCOO e UGT neste pacto social de 2022 é unha novidade, ou consecuencia dunha situación moi especifica (pandemia e fondos europeos). Que lonxe están estas Comisións Obreiras das de 1972. En realidade o excepcional nestas dúas centrais sindicais, dende hai moitas décadas, é a confrontación coa patronal nos temas estratéxicos, é dicir, aqueles que van para alén da empresa ou do sector. Nestes últimos ámbitos máis achegados á empresa a presión de base é moi forte, o que facilita a unidade sindical, e mesmo así non son poucas as veces nas que terminan facendo de cabalo de troia dos intereses patronais. Polo que, malia os múltiples conflitos laborais e mobilizacións existentes na nación galega, os atrancos para dar unha resposta unificada e masiva constitúen unha das principais eivas que debe superar a clase traballadora galega e o sindicalismo nacionalista. Algo que a patronal e os partidos sistémicos saben e utilizan. Daquela que a clarificación na empresa, nas asembleas, no debate, así como fortalecer  e politizar a organización sindical, teñan tanta importancia para superar as follas de ruta hipotecadas polas políticas de concertación.

 

[Galiza, 7 de febreiro de 2022]

https://obloguedemera.wordpress.com/