Recortes en Correos

A Coruña -

Traballadoras e traballadores da Unidade de Reparto nº3 da Coruña iniciaron mobilizacións estes luns en rexeitamento ao recorte de persoal imposto por Correos e Telégrafos -que está próximo ao 25% do actual cadro de persoal-. Esta medida suporá unha perda importante "na xa axustada calidade do servizo" e un incremento da precarización das condicións de traballo dos empregados/as desta unidade.

Ademais, a decisión da dirección de Correos implica que varios traballadores/as serán obrigados/as a desprazarse a outros postos noutras unidades.

Ante este ataque, a Xunta de Persoal e o Comité de empresa acordaron realizar concentracións diarias diante da unidade de reparto nº3 (situada na rúa Entrepeñas) en defensa dos postos de traballo e da calidade do servizo postal nos barrios afectados (Agra do Orzán, Os Rosais, Ventorrillo, Labañou, Cidade Escolar, A Silva, S. Roque de afora, Cidade Xardín e S. Pedro de Visma).

Así mesmo, non se descarta a convocatoria de folga no servizo, se Correos non recúa na súa decisión.

Volver