Reclaman vehículos axeitados para o servizo de prevención e defensa contra incendios forestais

A CIG-Administración esíxelle a Medio Rural que cumpran as condicións técnicas pactadas

Nacional -

O sector de Autonómica da CIG-Administración denuncia que a Consellaría do Medio Rural vén de entregarlle ao Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais (SPDCIF) unha serie de vehículos que non cumpren coas características técnicas negociadas e recollidas nos pregos de condicións do concurso “e que nen sequera son axeitados para o noso traballo”.

Dende a central explican que unha vez que os actuais vehículos pick-up, cuxa eficacia e operatividade “son mellorábeis”, cumpriron cinco anos, os sindicatos iniciaron en novembro de 2016 a negociación coa Consellaría para a adquisición de novos vehículos. Aínda que a Xunta non atendeu todas as aportacións feitas polos representantes do persoal, “conseguiuse unha mellora de certa importancia”. As características técnicas pactadas foron publicadas no DOG o 23 de maio deste ano.

Os contratos dos vehículos do persoal fixo rematou o pasado 25 de marzo, mentres que no caso do fixo-descontinuo o 25 de maio, polo que a Administración decidiu ampliar o contrato 113 días máis para os vehículos do persoal fixo e 120 días para os vehículos do persoal fixo-descontinuo. “Con estes datos pódese percibir perfectamente que había tempo de sobra para licitar e entregar en tempo e forma os vehículos que deciden que se vaian entregar”, indican.

Rebaixa das características técnicas

Mais o 15 de maio de 2017 a Xunta decide modificar de novo as condicións técnicas dos vehículos do SPDCIF, volvendo a rebaixar as súas características técnicas. “Para a nosa sorpresa, e sabendo que os contratos do persoal fixo remata o 24 de agosto, “atopámonos que retiran os vehículos actuais, e en vez de entregar os negociados o que fan é entregar outros que para nada cumpren o pactado e que nen sequera son axeitados para o noso traballo xa que non contan con equipo de extinción (auga e retardante) e teñen as características técnicas dun todocamiño e non dun todoterreo”.

Diante disto, dende a CIG esixen unha explicación inmediata por parte da Consellería e o cumprimento extricto dos pregos de condicións técnicas negociados e publicados.

“Ademais reclamamos que os vehículos que deben de ser entregados, máis pronto que tarde, teñan incorporadas as luces V1 e a correspondente identificación como Bombeiros Forestais de Galiza, que é o que somos e que parece que costa bastante recoñecelo”.

Volver