• 18-03-27 ProtestaAxudaFogarSilledaSerinter03.jpeg
  • 18-03-27 ProtestaAxudaFogarSilledaSerinter04.jpeg
  • 18-03-27 ProtestaAxudaFogarSilledaSerinter02.jpeg
  • 18-03-27 ProtestaAxudaFogarSilledaSerinter01.jpeg

Reclaman a rescisión do contrato do servizo de Axuda no Fogar de Silleda por vulnerar condicións laborais

O persoal de Serinter, a empresa adxudicataria, mobilízase para reclamar o pago dos salarios

Silleda -

A Unión Local da CIG da Estrada-Deza demándalle ao Concello de Silleda que rescinda o contrato coa empresa adxudicataria do servizo de Axuda no Fogar (SAF) por incumprir as condicións laborais do cadro de persoal. As traballadoras/es de Serinter decidiron iniciar protestas para denunciar a súa situación e reclamar o pago dos salarios pendentes.

A reclamación da CIG baséase nos reiterados incumprimentos de Serinter, a empresa adxudicataria do servizo, con respecto ás condicións laborais do persoal, nomeadamente no pago das horas por debaixo de prezo que establece o convenio (páganas a cinco euros cando deberan ser a oito), na realización de horas non declaradas e na modificación da xornada laboral, xa que as empregadas/os que reclamaron os seus dereitos viron reducido o seu tempo de traballo mensual. A isto hai que sumarlle que nos últimos tempos a compañía mantén débedas salariais coas traballadoras/es xa que non lles ingresou a nómina de febreiro e xa adiantou que tampouco poderá abonar a de marzo.

Dende a central denuncian que como consecuencia desta política empresarial, hai traballadoras/es que ingresan 100 euros ao mes porque teñen unha xornada laboral dunha hora ou de hora e media semanal, “algo inconcibíbel nun servizo público como a axuda no fogar”. De feito, a maioría do cadro de persoal -integrado por 34 persoas- teñen unha xornada de 90 horas ao mes.

Lembran tamén que esta situación é consecuencia directa da privatización do servizo hai seis anos e do feito de que a empresa adxudicataria do concurso fixese unha oferta por debaixo do orzamento de licitación. “Estaba claro que dalgún lado ían saír os cartos, neste caso das traballadoras/es”, critican. Polo tanto, solicitan que no próximo concurso, que xa está convocado tras a presión exercida pola CIG, o Goberno local controle a cuestión orzamentaria para impedir que volva suceder algo similar “porque non se pode valorar unicamente a oferta máis barata”.

Protesta no Concello e na empresa

Precisamente para trasladar estas demandas e reclamar o pago de salarios, as traballadoras de Serinter desenvolveron hoxe mobilizacións diante do consistorio e da sede da empresa, onde despregaron unha faixa na que se podía ler “No SAF do Concello de Silleda queremos cobrar. Serinter paga xa!” e berraron consignas reclamando unha solución ao conflito.

Dende a CIG explican que esta problemática tamén se produciu no Concello de Forcarei, no que a empresa ten tamén a concesión do Servizo de Axuda no Fogar. Ao igual que en Silleda, deixou de pagar as nóminas, aínda que neste caso o Goberno local fíxolle un abono que a presión sindical obrigou a empresa a ter que destinala ao pago das débedas co persoal. Ademais, cando Serinter se fixo cargo do servizo en 2016 a central xa presentara denuncias contra a anterior empresa tamén por incumprimentos de convenio a nivel salarial e de xornada, o que permitiu ir regularizando a situación a falta de que se resolvan as reclamacións por cantidades.

Ao mesmo tempo, o feito de que a delegada de persoal fose da CIG tamén axudou a mellorar as condicións laborais, até o punto de que as 16 traballadoras/es que quedan no SAF de Forcarei tras os despidos levados a cabo pola empresa cobran a hora a case sete euros fronte aos cinco de Silleda.

Con todo, dende a central reclámanlle aos Concellos implicados que velen polo cumprimento das condicións laborais do persoal que desenvolve o seu traballo nos servizos públicos, “máis aínda nun caso coma este ao tratarse dun sector altamente precarizado e feminizado”.

Volver