Reclaman a incorporación no SERGAS das especialidades de enfermería

O decreto de creación foi aprobado en 2016 e transcorrido un ano aínda non se desenvolveu
Nacional - 19 Abr 2017

CIG-Saúde, CCOO, UGT, CSIF e Asociación Galega de Enfermería Familiar e Comunitaria compareceron esta mércores en rolda de prensa para denunciar a pasividade da consellaría de Sanidade e o SERGAS no relativo á incorporación no Servizo Galego de Saúde de enfermeiros/as especialistas.

A secretaria nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín, explicou que en xullo de 2016 se publicou no DOG o decreto de creación da categoría de enfermeiro/a especialista no ámbito do SERGAS. Un decreto que, segundo lembrou, “levou tempo negociar ante a súa negativa a recoñecer o nivel 23, que é o de enfermeiro/a especialista” porque “pretendía crear esa categoría pero con nivel 22, isto é, que a especialidade lle saíra gratis, xa que ao non recoñecer a categoría non se tiña que retribuír como tal”.

Finalmente conseguiuse que se negociara e aprobara o decreto co nivel correspondente aínda que Abuín asegurou que “para nós é un nivel baixo dentro do sistema da administración pública e dentro dos intervalos de niveis existentes para as especificidades e responsabilidade que ten un posto destas características”.

Transcorrido máis dun ano, este decreto está, segundo denunciaron as organizacións sindicais e máis a asociación científica, sen desenvolver e a comisión técnica constituída a tal efecto aínda que chegou a ser constituída non está operativa.

A este respecto, a secretaria nacional da CIG-Saúde, denunciou que “nin sequera se abordou a reclasificación do persoal fixo, con máis de 20 anos de experiencia profesional e co título de especialista”.

A modo de exemplo, sinalou que a categoría de enfermeiro/a especialista en Saúde mental, creado no 2009, só conta a día de hoxe con 9 prazas en toda Galiza e afirmou que “isto constata a falta de recoñecemento que, por parte do SERGAS se lle dá a estas e estes profesionais”.

Diante desta situación as organizacións sindicais presentes na rolda de prensa lembraron que o pasado día 11 enviaron un escrito á consellaría e o SERGAS exixindo que na reunión da Comisión Central de Seguimento do Pacto de Contratacións, que se ten que convocar neste trimestre, se inclúa na Orde do día, a apertura de listas de selección temporal dos enfermeiros/as especialistas que habilita o decreto de creación desta categoría, co obxectivo de que estas listas estean operativas en outubro de 2017, que é cando se xeran o conxunto de listas.