Reclaman a convocatoria da Comisión Técnica de PAC antes de que remate xullo

Persoal e organizacións sindicais entregarán sinaturas en cada Área sanitaria o próximo día 31 ás 11:00h

Nacional -

As organizacións sindicais con representación na Mesa sectorial do Sergase o persoal dos Puntos de Atención Continuada reclaman a convocatoria da Comisión Técnica de PAC antes de que remate o mes de xullo. Consideran que, de non facelo, semellaría que se están intentando demorar as negociación para que remate o verán e advirten que isto tería como consecuencia o incremento das mobilizacións do colectivo afectado. Ademais anuncian que o vindeiro día 31 de xullo, ás 11:00 horas, farán entrega, en cada Área Sanitaria, das sinaturas recollidas en demanda de calendarios axustados coa xornada ordinaria que ten que facer cada profesional.

As Organizacións Sindicais con representación na Mesa Sectorial presentaron un escrito diante da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas reclamando unha rápida resposta ás reclamacións presentadas polas Organizacións Sindicais e as traballadoras e traballadores dos Puntos de Atención Continuada (PAC) na última reunión da Comisión Técnica de PAC do mércores 4 de xullo de 2018.

Unha xuntanza centrada en pór de manifesto que a interpretación que fai a Dirección de Recursos Humanos do acordo de PAC do ano 2008 afecta negativamente ao cómputo de xornada ordinaria (obrigatoria) e complementaria (voluntaria).

Segundo explican, tras catro horas de reunión “quedou claro que non reclamamos cobrar por xornada complementaria non realizada; que as horas de xornada complementaria teñen que ser ofertadas con carácter voluntario, que son a diferencia entre as horas totais realizadas e as horas de xornada ordinaria e que nas horas de ordinaria é onde hai que computar os permisos, contando esa xornada, de cada permiso, como realizada integramente como xornada ordinaria”.

Mudar o criterio

As Organizacións Sindicais reclaman que se mude o criterio de que “toda xornada traballada ten unha parte de ordinaria e outra de complementaria” e que se incorpore o que recolle a literalidade do acordado, separando a xornada ordinaria da complementaria e recoñecendo que a xornada complementaria é a realizada “por riba da acordada como ordinaria”.

Por todo iso reclaman a convocatoria da Comisión Técnica de PAC antes de que remate o mes de xullo e avanzan que, de non ser así, incrementarán as mobilizacións do colectivo afectado.

Entrega de sinaturas

Continuando coas mobilizacións realizadas até hoxe, e na liña do defendido na última Comisión Técnica, o persoal de PAC afectado por esta medida (Medicina de Familia e Enfermaría), acompañados de representantes das Organizacións Sindicais, realizarán unha entrega de sinaturas o día 31 de xullo ás 11 da mañá, diante das Xerencias de cada Área Sanitaria, reclamando calendarios axustados coa xornada ordinaria que ten que facer cada profesional.

Volver