Contido da ILP
Partindo das medidas contempladas nos acordos unánimes arredor da lingua (PXNLG, na CELRM, da DUDL e Lei Paz Andrade) e como resultado do proceso colectivo do que resultou o Protocolo Lingua Vital, preséntase unha proposta de lei con acción centradas en garantir a presenza do galego en todos os ámbitos e para todos os usos:
1. Garantía dos dereitos lingüísticos: para asegurar o cumprimento da PXNLG, a avaliación de impacto lingüístico das novas normas, o dereito ao uso do galego nos servizos económicos e comerciais e a creación dunha valedoría de dereitos lingüísticos.
2. Ensino: proponse derrogar o decreto contra o galego e estabelécese a galega como lingua vehicular e de acollida no conxunto do ensino sen que poida ser restrinxido, así como asegurar a formación do profesorado, a oferta de materiais e recursos didácticos, un programa específico na formación profesional e o aproveitamento da lusofonía.
3. Servizos públicos: Como lingua da administración pública, estabelece a oferta positiva en galego, o seu coñecemento para o acceso ao emprego público e a súa presenza e disposición por defecto e prioritaria da administración, incorpora clausulas e garantías de oferta e uso de galego nos contratos públicos. En ámbitos como a sanidade proponse a un plan de xestión lingüística e na xustiza a presenza do galego nos programas de xestión e documentos. Para contribuir á galeguización da administración a Xunta promoverá a creación de servizos de normalización lingüística e a coordinación entre eles. Por último, estabelécense accións e programas para a formación e integración de migrantes integramente en galego tendo en conta ás entidades representativas destas comunidades.
4. Medios de comunicación e dixitais: respecto aos medios públicos, a ILP propón o uso exclusivo do galego en todos os programas e producións, incluídos os contidos publicitarios, así como un plan estratéxico da CSAG que recupere o seu papel normalizador, o pluralismo e unha oferta ampla e atractiva, nomeadamente para o público infantil e xuvenil. Nas tecnoloxías propón asegurar a presenza por defecto e a súa incorporación nos servizos e dispositivos dixitais.
5. Oferta cultural, audiovisual e actividades deportivas: Estabelece o investimento público en obras e actividades culturais en galego, a promoción da distribución e difusión do libro en galego, cotas de emisión, dobraxe e lexendaxe para os fornecedores de servizos de comunicación audiovisual, garantir a exhibición de cinema en galego nas salas, e o galego como lingua das actividades deportivas nas que participar a Xunta.
6. Acción exterior, galego estremeiro e lusofonía: reclamación da oficialidade do galego na UE, o recoñecmento de Galiza na CPLP, mecanismos para a efectivización da ILP nos territorios de lingua galega fóra da comunidade autónoma e a creación do Instituto Rosalía de Castro para a promoción do galego no exterior.
Disposición derrogatoria. Finalmente, a ILP, conta cunha disposición que derroga o decreto contra o galego no ensino e unha serie de disposición finais que modifican os aspectos máis lesivos contra o galego de leis aprobadas polo Partido Popular en ámbitos como o consumo, o emprego público, a administración local, os medios públicos ou a intelixencia artificial.