Queremos Galego chama a mobilizarse novamente en rexeitamento da sentenza contra o uso do galego na administración local

Convoca unha concentración, para o vindeiro xoves día 14 de abril ás 12:00 horas, na Praza de Galiza da Coruña, diante do TSXG

Compostela -

A plataforma cidadá Queremos Galego, da que fai parte a CIG xunto con outras 600 entidades, vén de anunciar novas mobilizacións contra a sentenza do TSXG sobre a ordenanza de uso do galego en Lugo, que eliminou algúns aspectos fundamentais como o dereito da cidadanía a recibir atención en galego por parte de servizos contratados pola administración a empresas privadas.

Tras a convocatoria que xa tivo lugar diante do concello de Lugo o pasado 14 de marzo en apoio á ordenanza aprobada por unanimidade no pleno, Queremos Galego convoca para o vindeiro xoves día, 14 de abril ás 12:00 horas, unha concentración diante da sede do TSXG, na Praza de Galiza da Coruña, contra unha sentenza que ataca o uso do galego na administración municipal e nos servizos básicos privatizados.

Unha sentenza que entende que é un intento de provocar por vía xudicial o retroceso en dereitos lingüísticos que a sociedade galega está a impedir na vía política.

O portavoz de Queremos Galego, Marcos Maceira lembra que a sentenza do TSXG elimina o dereito a utilizarmos o noso idioma con absoluta normalidade e a sermos atendidos e informados en galego en servizos privatizados. Ademais a sentenza suprime o artigo que declara o galego como lingua propia e oficial de Lugo por non estar subordinada ao castelán, e vir definida como lingua plena e de pleno dereito; elimina a rotulación en galego de oficinas e despachos, a sinalización viaria, o carácter normalizador das axudas e subvencións, ou cousas tan evidentes como a existencia dun ámbito lingüístico galego.

Esta convocatoria diante da sede do TSXG de rexeitamento á sentenza contra a ordenanza de uso do galego en Lugo, estará acompañada dunha campaña que terá como acto central a manifestación nacional convocada para o 17 de maio en Santiago.

Volver