Quen controla os robots? O desafío obreiro á robotización

Andrea Ferrario - 04 Set 2026

Corea do Sur mostra con especial clareza que a economía da intelixencia artificial non fai máis que reformular o conflito entre capital e traballo. A retórica da innovación adoita agochalo, presentando como un progreso neutro unha transformación que, en cambio, incide nas relacións de poder entre quen posúe os robots e quen traballa con eles

 A decisión do sindicato de Hyundai Motor de se opor á introdución de robots de nova xeración nas fábricas sen un previo acordo entre o cadro de persoal e a empresa converteu unha decisión industrial nunha disputa laboral, pondo de relevo un conflito que afecta o conxunto do sector da intelixencia artificial (IA).

 No centro da controversia sitúase Atlas, o robot humanoide desenvolvido por Boston Dynamics, empresa estadounidense controlada por Hyundai, que o grupo coreano presenta como a súa propia aposta pola IA física, ou sexa, polas máquinas capaces de movérense e traballaren nos espazos produtivos até o de agora reservados aos seres humanos. A súa aparición suscitou reaccións opostas, cos investidores que a conciben como un avance e a clase traballadora, en cambio, como unha ameaza para os seus postos de traballo.

 O caso vai moito máis alá do sector da industria automobilística e de Corea do Sur. Apenas dous meses antes do inicio do conflito ao redor dos robots de nova xeración, o país xa vivira un conflito igualmente significativo no sector dos semicondutores, cando ducias de miles de empregados e empregadas de Samsung Electronics reclamaron unha parte dos beneficios xerados polo aumento vertixinoso da demanda de chips para IA.

 Ambos os episodios mostran diferentes facetas do mesmo modelo económico. As memorias de gran largo de banda utilizadas para adestrar os modelos lingüísticos nos centros de datos e os robots destinados a substituír a man de obra nas cadeas de montaxe pertencen ao mesmo ciclo tecnolóxico. En ambos os casos, o conflito vira en torno á repartición dos beneficios e ao dereito do persoal a participar na toma de decisións.

 Se esta tensión xorde sobre todo en Corea do Sur, e de forma máis visíbel que en China -na que se centra gran parte da atención-, é porque no país conviven un sector tecnolóxico de vangarda e un sindicalismo industrial especialmente combativo, unha combinación que noutros lugares aínda non se manifestou coa mesma forza. Nos materiais que permiten reconstruír os feitos, China figura como competidora no mercado das memorias e os robots, mentres que o conflito sindical que caracteriza casos como os de Hyundai e Samsung é propiamente coreano e se desenvolve nos tribunais, na negociación colectiva, nas folgas e nas urnas. É precisamente esta exposición pública do conflito o que converte a Corea do Sur, moito máis que a China (que respecta moito máis os dereitos laborais), no laboratorio no que as contradicións da economía da IA saen á luz con claridade.

Anatomía dun conflito

 Antes de analizar o caso como un episodio do enfrontamento global entre o traballo e a automatización, é importante comprender que é o que realmente pide o sindicato surcoreano, xa que o malentendido máis común é consideralo unha reacción de carácter ludita. O sindicato, pola contra, non cuestiona a máquina en si mesma, senón o poder de decidir como e cando empregala, e exixe que non se introduza ningún robot baseado en novas tecnoloxías nas naves de produción sen un acordo previo entre as partes. A reivindicación é á vez defensiva e preventiva, xa que precede á posta en funcionamento dos robots e pretende establecer un principio de dereito de decisión dos traballadores sobre as modalidades de introdución das novas tecnoloxías cando aínda existe a posibilidade de elixilas.

 A esta demanda sumouse unha plataforma de reivindicacións salariais que amplía o alcance da batalla. O sindicato de traballadores metalúrxicos de Hyundai, que conta con case 40.000 afiliados, obtivo nunha consulta interna o 87% dos votos a favor da mobilización e presentou, xunto coa cláusula sobre a automatización, a reivindicación dunha prima equivalente ao 30% do beneficio neto, o aumento de 60 a 65 anos da idade á que a empresa pode rescindir a relación laboral, un incremento do salario base e o paso a un sistema no que a retribución fixa mensual cubra a totalidade do salario, evitando que os traballadores teñan que depender de horas extras e quendas adicionais para alcanzar uns ingresos aceptábeis.

 Esta última demanda explícase por unha estrutura salarial na que o compoñente variábel roza a metade do total, mentres que a reivindicación relativa á idade se debe a que, para quen superou os sesenta anos, a saída anticipada da fábrica leva case sempre un forte menoscabo das condicións de vida. A mediados de xullo, o conflito desembocou nunha folga parcial de tres días nas principais fábricas coreanas, con dúas horas de paro por cada quenda.

 O que confire a esta loita sindical un alcance que transcende os límites dunha soa empresa é o feito de que se inscribe nunha vaga de mobilizacións que atravesa todo o sistema industrial coreano. A reivindicación dunha prima equivalente ao 30% dos beneficios xorde directamente dos conflitos no sector dos semicondutores iniciados polos traballadores de Samsung Electronics e da súa competidora SK Hynix, e que logo se estenderon ao sector informático, coa folga de varias empresas do grupo tecnolóxico Kakao, así como, por último, á industria automobilística, desde Hyundai até a filial coreana de General Motors.

 Os medios de comunicación que defenden os intereses das empresas cualificaron esta propagación de "contaxio". A definición ten un matiz hostil, pero capta un mecanismo real. O que está a ocorrer, de feito, é que cada logro conseguido nunha grande empresa se converte nun referente e empuxa á alza as reivindicacións nos demais sectores.

 As reivindicacións dos traballadores baséanse en sólidos argumentos económicos. Nos últimos anos, o grupo Hyundai rexistrou en varias ocasións beneficios operativos superiores aos 10 billóns de wons (case 7.000 millóns de dólares), situándose en terceiro lugar a nivel mundial por volume de vendas e en segundo lugar por rendibilidade, só por detrás de Toyota. Os traballadores atribúen parte destes resultados á súa propia contribución e reclaman o que lles corresponde. A empresa contestou con propostas moi afastadas desta demanda, alegando a caída dos beneficios rexistrada en 2025 e a necesidade de reservar recursos suficientes para os investimentos. Ademais, só aceptou parcialmente o principio do salario mensual completo, aprazando a súa definición a unha mesa técnica prevista para 2027, nun intento de atenuar a presión sen asumir desde xa un compromiso vinculante.

Por que Corea? Por que agora?

 O momento e o lugar nos que estalou o conflito non son casuais, senón que dependen dunha serie de factores que fan que Corea do Sur sexa un caso pioneiro. O primeiro é o demográfico. O país está a avellentar rapidamente e a poboación activa redúcese, até o punto de que a expansión da automatización nas fábricas se presenta nos editoriais da prensa económica como unha necesidade para sobrevivir, máis que como unha ferramenta de expansión.

 Corea do Sur xa é o segundo país máis robotizado do mundo (despois de China), cuns 1.220 robots industriais por cada 10.000 traballadores do sector manufactureiro, unha cifra moi superior á de calquera outra economía avanzada. Esa mesma presión demográfica tamén se observa fóra das fábricas. As forzas armadas, que contan con 450.000 efectivos tras unha redución do 20% en seis anos, comezaron a estudar o uso de robots do grupo Hyundai en tarefas loxísticas e de vixilancia. É un sinal de que o impulso á automatización responde a unha escaseza estrutural de man de obra e non só á procura de menores custos.

 A segunda dimensión refírese ao mercado de capitais. A aposta polos robots cambiou a percepción financeira do grupo, cuxa capitalización superou os 100 billóns de wons (uns 70.000 millóns de dólares) e cuxa relación entre o prezo das accións e os beneficios superou a de Toyota, o seu rival histórico. Os investidores comezaron a considerar a empresa un grupo tecnolóxico dedicado á mobilidade, do mesmo xeito que Tesla, en lugar dun fabricante tradicional.

 O valor esperado céntrase así no control dos sistemas destinados a definir a produción de nova xeración, mentres que a fabricación de automóbiles de baixo custo perde protagonismo. A adquisición de Boston Dynamics, completada en 2021 e considerada durante moito tempo unha aposta arriscada, vese agora como o paso que fixo posíbel esta transformación. Ademais, a dirección do grupo declarou abertamente a súa ambición de competir con Tesla no ámbito da robótica e a condución autónoma.

 A última variábel é de carácter xeoeconómico e afecta os EUA. Os aranceis impostos por Trump sobre as importacións de automóbiles reduciron as marxes de Hyundai, o que levou ao grupo a aumentar a produción en territorio estadounidense e a concentrar alí os seus investimentos, co obxectivo de elevar a cota de produción nese país do 40% ao 80% para 2030. Neste contexto inscríbese tamén a decisión de despregar o robot Atlas na planta non sindicalizada de Xeorxia (EUA), excluíndo polo momento as fábricas coreanas.

 A ollos dos traballadores coreanos, o traslado da produción ao estranxeiro e a introdución de robots humanoides percíbense como dous aspectos do mesmo proceso, sobre todo porque o grupo xa prevé trasladar fóra do país volumes considerábeis de produción a partir de 2027. O risco é que as fábricas coreanas manteñan, a curto prazo, os niveis actuais de emprego e produción, pero vaian quedando progresivamente marxinadas e excluídas dos investimentos destinados ás tecnoloxías do futuro.

O que está en xogo máis aló de Corea

 As condicións descritas até o de agora non esgotan o interese do asunto, xa que o conflito formula cuestións que volverán xurdir alá onde se introduza a mesma tecnoloxía. A primeira refírese á relación entre os custos e a substitución da man de obra. Unha unidade de Atlas tería un custo duns 200 millóns de wons (138.000 dólares), ao que habería que sumar uns gastos de mantemento anual relativamente moderados, e podería traballar sen interrupcións, pausas nin aumentos salariais. Nestas condicións, o investimento inicial, se todo fose ben, recuperaríase nuns dous anos.

 Unha vez iniciada a produción a grande escala, o custo por hora da máquina podería reducirse até unha sexta parte do custo da man de obra nos sectores industriais con salarios baixos, mentres que un traballador coreano lle custa á empresa entre 100 e 130 millóns de wons ao ano (uns 70.000 a 90.000 dólares). Unha interpretación próxima ao movemento obreiro, proposta por Workers' Solidarity e por un comentario publicado en News Lens, traduce estes cálculos nun escenario concreto: un enxeñeiro ben remunerado que controla dez robots en lugar de dez traballadores cualificados, cun aumento da produtividade acompañado dunha crecente concentración dos beneficios e do poder de control. Tamén os medios económicos identifican a mesma dinámica, sinalando que, cando o capital substitúe o traballo a grande escala, tamén se reduce a posición negociadora dos traballadores.

 Con todo, o panorama é menos lineal do que suxiren estes cálculos, xa que a temida substitución parece aínda afastada. As análises técnicas sitúan a varios anos, senón décadas, de distancia o momento en que robots como Atlas poidan substituír a grande escala os traballadores cualificados, un paso que requiriría capacidades próximas ás da intelixencia artificial xeneral. Polo de agora, os humanoides limítanse a uns poucos proxectos piloto e teñen unha fiabilidade comparábel á dos robots industriais de hai dez anos.

 O propio programa de Hyundai prevé asignar a Atlas, contra 2028, tarefas auxiliares que requiran pouca precisión e calcula que contra 2030 poderá empregalo na montaxe propiamente dita. Precisamente porque a tecnoloxía aínda non está madura, o conflito xorde agora, antes de que as decisións se volvan irreversíbeis, cando o sindicato aínda conserva a posibilidade de impor condicións que, unha vez introducidos os robots de nova xeración, serían moito máis difíciles de reivindicar.

 A planta de Xeorxia, onde non hai ningún sindicato, serve para achandar o camiño e reproduce un esquema xa visto en 2014, cando o sindicato coreano se opuxo ás fábricas intelixentes, hoxe estendidas por todas as partes, incluída a gran planta de Hyundai en Ulsan. As fábricas no estranxeiro convértense así en laboratorios nos que experimentar coas novas tecnoloxías, que chegan ás fábricas coreanas só despois de seren probadas e cando xa resulta máis difícil cuestionalas.

 As empresas xustifican as súas decisións sobre todo pola necesidade de seguir sendo competitivas. Tesla desenvolve o seu propio robot humanoide sen a restrición dun sindicato e con prazos máis rápidos; as empresas chinesas avanzan grazas a inxentes investimentos públicos (cuxos beneficios reverten en melloras sociais) e os fabricantes europeos tamén están a pór en marcha plans similares.

 Segundo os medios de comunicación dominantes, calquera resistencia acabaría, por tanto, desprazando a innovación a outros lugares e debilitando a posición industrial do país, tal e como xa ocorrería con quen, no pasado, defendeu o statu quo en lugar de se adaptar. As voces próximas aos traballadores dan a volta a esta interpretación e sinalan que o argumento da inevitabilidade agocha unha distribución do risco na que os traballadores deben soportar os custos da adaptación, mentres que o capital queda cos beneficios.

 A cuestión central refírese á distribución das ganancias de produtividade que comportan as máquinas. Se a maioría (os traballadores) perde uns ingresos estábeis mentres que unha minoría (os empresarios) controla os robots e a capacidade de cálculo, o resultado é un conflito social máis agudo, moi lonxe da prosperidade xeneralizada prometida pola retórica da innovación. A demanda interna tamén se ve afectada, xa que unha poboación máis pobre compra menos coches.

 Desta análise xorde a proposta de regular a automatización impondo unha avaliación previa das súas consecuencias sobre o emprego e destinando unha parte dos beneficios á redución da xornada laboral e á garantía dos salarios. A mesma proposta prevé, ademais, que as axudas públicas ás fábricas intelixentes estean condicionadas a compromisos vinculantes en materia de protección do emprego. O debate pasa así do que os robots son capaces de facer, a quen decide como utilizalos e a quen corresponde os beneficios que xeran.

A outra cara da economía

 A cuestión da repartición de beneficios cobra aínda máis relevancia se se observa como o conflito afecta a distintos sectores da poboación activa coreana, xa que o conflito de Hyundai non se limita unicamente aos traballadores mellor remunerados das grandes empresas. Unha tese moi estendida, compartida por gran parte do espectro político, sostén que os aumentos salariais conseguidos nas grandes empresas acaban prexudicando os traballadores precarios e subcontratados, descritos como as vítimas dunha aristocracia obreira que queda cos beneficios excedentes.

 As fontes próximas ao movemento sindical refutan esta interpretación e sinalan que os logros conseguidos nas grandes empresas elevan o nivel das reivindicacións para todos. De feito, foron precisamente os resultados alcanzados no sector dos semicondutores os que impulsaron tamén os traballadores subcontratados a reclamar unha parte dos beneficios. Se os traballadores das grandes empresas renunciasen ás súas primas, os únicos que se beneficiarían serían a empresa e os seus accionistas, mentres que os traballadores precarios da cadea de fornecemento non obterían ningunha vantaxe.

 Esta disparidade ponse de manifesto con especial clareza no estaleiro de Ulsan do grupo HD Hyundai, onde uns douscentos traballadores migrantes deron o paso inusual de se afiliaren colectivamente ao sindicato. A protesta xurdiu por mor da introdución dun novo sistema salarial que reduce o salario base nunha cantidade comprendida entre 170.000 e 200.000 wons (entre uns 115 e 135 dólares) e que, segundo os traballadores, se impuxo baixo a ameaza de non renovar o contrato. As mobilizacións, que comezaron cuns poucos centos de participantes e creceron até involucrar a preto dun milleiro, recibiron o apoio da OIT e puxeron de manifesto a diferenza de condicións entre os empregados directos e os das empresas subcontratistas, máis expostos á chantaxe e con menos posibilidades de faceren valer os seus dereitos.

 Esa mesma división obsérvase na cadea de fornecemento de compoñentes de automoción, na que o grupo presiona os provedores para que reduzan os prezos. Non é casualidade que unha das principais reivindicacións expostas nas manifestacións de Ulsan refírase á garantía dos postos de traballo nas empresas provedoras.

 Este aspecto pon de manifesto que os custos da automatización e da redución de gastos recaen, ante todo, sobre os traballadores menos protexidos, mentres que cualificar os sindicalizados de privilexiados serve sobre todo para enfrontalos ao resto dos traballadores. A resposta institucional confirma a importancia central da cuestión, xa que o goberno de centro liderado por Lee Jae-myung, aínda que cun ton máis moderado que o da dereita, cualificou de excesivas as reivindicacións dos traballadores e asumiu o papel de garante da estabilidade económica, mentres que os medios conservadores pediron que se adopten medidas para frear a propagación das reivindicacións. Trátase da mesma aliñación de forzas que acompañou o conflito dos semicondutores en Samsung, e que reaparece case sen cambios cando o conflito pasa dos chips aos robots.

O laboratorio coreano

 As loitas en Samsung e as que se están producindo en Hyundai contra a adopción de robots de nova xeración, remiten a dúas fases da mesma transformación, que parte dos chips destinados a alimentar a intelixencia artificial nos centros de datos e chega até as máquinas que a levan ás liñas de montaxe. Os editoriais das publicacións económicas reducen o conflito a unha oposición entre quen acepta o cambio e que se opon a el, pero a cuestión refírese ás condicións nas que se introducen os robots humanoides.

 Corea do Sur mostra con especial clareza que a economía da intelixencia artificial non fai máis que reformular o conflito entre capital e traballo. A retórica da innovación adoita agochalo, presentando como un progreso neutro unha transformación que, en cambio, incide nas relacións de poder entre quen posúe os robots e quen traballa con eles. O caso de Hyundai, e o máis amplo do laboratorio coreano, indica que a disputa sobre como distribuír os beneficios da automatización xa comezou, moito antes de que os robots sexan realmente capaces de substituír o traballo humano.

 

[Artigo tirado do sitio web La Haine, do 31 de agosto de 2026]