Publicada a orde de axudas de pago único e indemnizacións e a das axudas periódicas a mulleres vítimas de violencia de xénero

Os prazos para solicitalas remata o 31 de outubro no caso dos pagos periódicos e indemnizacións, e até o 30 de novembro as de pagamento único

A Coruña -

A Secretaría de Muller da CIG informa da publicación no DOG da orde que regula as axudas de pago único e indemnizacións, e a que regula as axudas periódicas a mulleres vítimas de violencia de xénero.

No caso das axudas de pagamento único a finalidade das mesmas é proporcionarlle apoio económico ás mulleres que sofren violencia de xénero; e a das indemnizacións previstas na lei galega é facer valer o dereito recoñecido por sentenza xudicial ditada por xulgados e tribunais con sede no territorio galego.

Van dirixidas a mulleres vítimas de violencia de xénero que residan na Comunidade Autónoma de Galicia e acrediten insuficiencia de recursos e unhas especiais dificultades para obter un emprego.

Mentres que as axudas de indemnización están dirixidas ás mulleres que sofren violencia de xénero e/ou ás e aos menores ou persoas dependentes delas polos danos e perdas ocasionados como consecuencia da situación de violencia, fixadas mediante sentenza xudicial, no caso de  incumprimento,  por  insolvencia,  por  parte  do  obrigado  a  satisfacelas.

O prazo de presentación remata o rematará o 30 de novembro de 2016 no caso da axuda de pagamento único e o 31 de outubro de 2016 no caso das axudas de indemnización.

Axudas periódicas

Pola súa banda, as axudas periódicas son axudas económicas individuais de carácter periódico que se conceden en réxime de concorrencia non competitiva, e a súa finalidade é proporcionarlles apoio económico ás mulleres que sofren violencia de xénero para intentar garantirlles unhas condicións suficientes de independencia económica respecto do agresor que lles posibilite dar o primeiro paso ou consolidar a ruptura dunha situación en que corren perigo.

Poderán ser beneficiarias destas axudas as  mulleres maiores de idade ou emancipadas,  vítimas  de  violencia  de  xénero  nunha  relación  de  convivencia  e  de  dependencia  económica. As solicitudes poderanse presentar até o 31 de outubro de 2016.

A contía das axudas establécese en función das rendas e ingresos da solicitante da axuda en relación co indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) para o ano 2016, e en atención ao número de fillas e fillos menores ou menores en acollida a cargo, así como so grao de discapacidade da solicitante e/ou dos menores a cargo, de ser o caso, nun  abano  que  vai  desde  300  euros/mes  ata  800  euros/mes  e  ata  un  máximo  de  doce mensualidades.

Texto completo da resolución de axudas de pagamento único e indemnizacións nesta ligazón

Texto completo da resolución de axudas periódicas nesta ligazón

Volver