Proseguen as mobilizacións contra a nova reforma que consolida os recortes nas pensións

Nacional - 15 Feb 2022

A CIG continúa coas mobilizacións mensuais para esixir a derrogación das reforma das pensións de 2011 e 2013 e denunciar a fraude que supón a última reforma aprobada polo Goberno español de PSOE e Unidas Podemos en 2021 (outra volta co aval de CCOO e UGT), xa que non garante o mantemento do poder adquisitivo das pensións.

Malia toda a propaganda, a nova lexislación consolida os aspectos máis lesivos das reformas previas, posto que mantén o atraso na idade de xubilación aos 67 anos, a ampliación do período de cálculo aos 25 anos –avanzando incluso a posibilidade de estendelo até os 35–, non se recupera o dereito á xubilación a tempo parcial e segue penalizándose a xubilación anticipada.

Pretendendo vender como un avance a recuperación da revalorización das pensións co IPC, que se aplica sobre o IPC medio e non sobre o acumulado. “Isto supón que este ano perderemos un 4% do noso poder adquisitivo, xa que as pensións só soben un 2,5%, mentres que a inflación se situou nun 6,5%”, denuncia o Colectivo de xubilados/as e pensionistas da CIG que xa advertiu que seguirá coas mobilizacións mensuais en defensa duns sistema público de pensións digno e garantido.