Primeiro xesto da Xunta: o conselleiro de Industria asiste á reunión co Comité de Ferroatlántica

A representación social considera insuficiente a postura do responsábel autonómico "dada a gravidade das pretensións da empresa"
Cee - 03 Nov 2016
O Comité de Empresa valora como un primeiro xesto positivo que, na reunión prevista para a tarde deste xoves co Director Xeral de Enerxía e Minas, comparecera tamén o Conselleiro de Industria, Francisco Conde. Non obstante entenden que o responsábel autonómico "non se expresou coa contundencia esperada polos traballadores e traballadoras, dada a gravidade da operación especulativa posta en marcha por Ferroatlántica".

Segundo explica o Comité, na reunión, acordouse abrir un período de negociacións coa Consellaría, polo que dende o Comité espérase que nestas próximas xuntanzas "o pronunciamento en contra das pretensións da empresa teña maior correspondencia e apoio por parte da Xunta de Galiza". 

A este respecto,  o Comité reitera que a Xunta non pode "pretender despachar" un tema de vital importancia para comarca sen unha intervención inmediata do Goberno galego e do seu Presidente, "porque é o único que pode paralizar e desautorizar esta operación especulativa".

Neste liña, agardan que nese escenario de xuntanzas institucionais que se abre "poidamos traballar positivamente para evitar a venda das centrais, garantir o futuro dos empregos e as fábricas, e salvagardar o interese público, mesmo se fora necesario recuperando a Xunta o control público das concesións".

Unha vez máis, o Comité denuncia que a obstinación da empresa por levar adiante a venda das centrais hidroeléctricas significa a ruína da comarca, pois de efectivizarse a segregación das actividades produtivas "xeraríase un futuro incerto para as factorías co escenario do peche das mesmas". 

Por iso, a representación social insiste en que "non nos fartaremos de repetilo: a única garantía de futuro para as fábricas de Cee e Dumbría e os empregos é manter vinculadas e dentro do mesmo grupo as actividades de ferroaleaxes e de produción de enerxía".