Preto do 82% do alumnado de terceiro de primaria auséntase dos centros para non facer a reválida

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público considera que isto evidencia un “rexeitamento clamoroso” á LOMCE e un “estrepitoso fracaso” do PP

Compostela -

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público concentrouse este martes diante da consellaría de Educación para exixir do goberno galego a inmediata paralización das reválidas e a posterior derrogación da LOMCE, coincidindo coa primeira xornada na que se desenvolvían estas probas en terceiro de Primaria.  Unha xornada que a PGDEP considerou un “éxito rotundo” dado que as familias de preto do 82% das alumnas e alumnos decidiron non envialos aos centros para manifestar así o seu masivo rexeitamento a estas probas.

Segundo os datos cos que contaba a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público contra as 11:00 horas, a ausencia do alumnado mesmo superou a que se produciu os días 11, 12 e 13 para as reválidas de 6º de primaria. Diante disto, Anxo Louzao, portavoz da PGDEP considerou que esta “é a evidencia máis palpábel do rexeitamento clamoroso que suscitan a LOMCE e as reválidas”.

Neste sentido, Fernando Lacaci, en representación das ANPAS de Compostela, abundou nesta cuestión asegurando que as ANPAS tamén notaron un repunte “mesmo maior” e constaron un rexeitamento “unánime” a estas probas.

Lacaci asegurou que “isto desautoriza totalmente ao conselleiro, cando fala de manipulación das familias”. A este respecto lembrou que máis do 80% das familias “non pertencen a unha ideoloxía, a un partido político, non son seguidores dunha única consigna. Cando falamos desas porcentaxes estamos falando dunha multiplicidade enorme de persoas que están de acordo nunha única idea: a LOMCE é unha idea que nin queremos, nin necesitamos”.

Por iso Louzao subliñou que a consellaría de Educación debería “tomar nota” e “cesar no empeño de continuar para adiante cunhas reválidas que nada aportan ao sistema educativo, que son inútiles e que pretenden xerarquizar e discriminar socialmente ao alumnado máis desfavorecido”.

Louzao alertou ademais de que estas probas son o prólogo das reválidas de 4º da ESO e 2º de Bacharelato, que terán carácter eliminatorio e que poden impedir a parte do alumnado obter os títulos correspondentes ou acceder á universidade. “Son probas que conducen ao alumnado a entrar nunha competición e que converten os centros de ensino en centros competitivos no canto de centros educativos”, denunciou.

A isto engadiu que as reválidas provocan que se xerarquicen as materias, desprezando a unhas fronte outras, o que “uniformiza o sistema educativo, deixando á marxe todo o que nos conforma como pobo galego”, afirmou.

Louzao agradeceu ás familias o esforzo realizado dadas as dificultades para deixar ás rapazas e rapaces na casa polo medio da semana e concluíu reclamando da consellaría que se recoñeza o “estrepitoso fracaso” e que non se poñan en marcha as reválidas de ESO e Bacharelato. “De non facelo”, explicou o portavoz da PGDEP, “veremos que os únicos que as van facer serán o conselleiro de educación e máis o presidente do goberno, o señor Feixóo”.

Considerou ademais que nin o goberno galego nin a máxima autoridade educativa poden seguir dándolle as costas á comunidade escolar e á sociedade no seu conxunto e demandoulles que se poñan á fronte das súas demandas e reclamen en Madrid a derrogación definitiva da LOMCE.

Volver