Preto de 15.000 rapaces e rapazas participarán na XVIII edición do Correlingua o vindeiro 7 de maio

Desenvólvese baixo o lema “A lingua non para”

Baixo o lema A lingua non para, alumnado de todas as etapas educativas, desde Infantil a Bacharelato, procedente de toda Galiza volverá correr polo futuro da lingua o luns 7 de maio en Compostela. Esta mañá o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, presentou todas as accións que se desenvolverán arredor desta actividade que se pechará cunha festa final en Pontevedra o día 8.

Achégase o mes de maio, que é o mes da nosa lingua, e faino coa primeira quincena chea de actividades vencelladas ao Correlingua que leva desde 2001 animando o alumnado a correr polo futuro do galego. Precisamente a carreira, que cada ano percorre as rúas de Compostela, será un ano máis a actividade estrela. Nesta edición están inscritos máis de 14.300 alumnos e alumnas de todas as idades desde Infantil a Bacharelato.

O percorrido comezará ás 11:00 horas na Praza da Quintana, onde terá lugar tamén o acto final, a partir das 12:00 horas, presentado pola actriz Isabel Risco e no que se lerá un manifesto e haberá animacións teatrais e musicais, entre as que destaca a do grupo gañador do Cantalingua. O manifesto estará encabezado por un rap composto polo alumnado de 3º da ESO do IES Antón Fraguas de Santiago, no que se combinan referencias á historia da nosa literatura coa prohibición actual de impartir en galego as materias científicas.

No acto tamén se entregarán os premios de Banda Deseñada, que este ano recaeu no alumnado de 5º de Primaria do CEIP de Albeiros, de Lugo, e de vídeo, que foi para o CEIP Ramón Cabanillas de Santiago na categoría de Primaria e para o CPR Seminario Menor A Inmaculada de Ourense no apartado de Secundaria e Bacharelato.

Tanto o contido desta actividade como do resto do programa que conforma o Correlingua deste ano foi presentado esta mañá polo secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, en Pontevedra. Precisamente nesta cidade é onde terá lugar a festa final o vindeiro 8 de maio.

Situación preocupante do galego

Na presentación, Bermello lamentou a situación actual que está a sufrir o galego no ensino e na sociedade en xeral e instou á Consellaría de Educación a un cambio de rumbo inmediato “para non seguir sendo cómplice necesario da súa desfeita”. Neste sentido lembrou como naceu esta iniciativa hai 18 anos para contribuír á normalización lingüística e como non só segue vixente a súa necesidade senón que hoxe aínda é máis urxente.

Na súa intervención, agradeceu especialmente o traballo do profesorado de lingua e dos equipos de normalización lingüística dos centros que teñen que enfrontarse a un contexto hostil cara o galego no que o desleixo da Consellaría foi virando en ataques directos, como o Decreto do Plurilingüísimo que en 2010 estabeleceu a prohibición de que se impartisen na nosa lingua as materias científicas.

Pola contra, agradeceu a colaboración da Mesa pola Normalización Lingüística e da Asociación Socio-Pedagóxica Galega na organización desta actividade, así como das entidades que colaboraron economicamente e que o seguen facendo este ano, entre as que citou as Deputacións da Coruña, Pontevedra e Lugo e os concellos da Coruña, Santiago, Pontevedra, Vigo, Lugo e Ourense.

Calendario de festas finais do Correlingua 2018

As actividades que se van desenvolver por toda Galiza durante a primeira quincena de maio poden consultarse na propia web do Correlingua, aínda que a continuación reprodúcense os principais actos festivos:

Gañadores dos concursos do Correlingua

Estes son os grupos de alumnas e alumnos que, inspiradas no lema deste Correlingua 2018, "A lingua non para!", gañaron os distintos concursos que se convocaron:

-Manifesto: 3ºC do IES Antón Fraguas de Santiago de Compostela. A súa proposta, Rapea, que a lingua non para!, abrirá todas as festas finais do Correlingua 2018.

-Banda Deseñada: 5ºB do CEIP Albeiros de Lugo. A súa banda deseñada titúlase "De viaxe por Galicia. A lingua non para".

-Vídeo: este concurso tivo dous gañadores en cadansúa categoría. O grupo Moucho do CEIP Ramón Cabanillas de Compostela gañou na categoría de educación infantil e primaria, mentres que o grupo Bolboreta do CPR Seminario Menor a Inmaculada foi o vencedor na categoría de educación secundaria e bacharelato. As propostas gañadoras están dispoñíbeis na web http://correlingua.gal/ web http://correlingua.gal/e os vídeos tamén na canle de Youtube Correlingua. A lingua non para.

Volver